Ata 1.000 petiscos de tosta de lacón con grelos, chopo de caldo galego e aire de chourizo, tosta de San Xoán, tacos de segredo de porco, tortaleta de queixo e marmelo, melindres e enreixado de cabelo de anxo foron os protagonistas no Mercado do Calvario de Vigo do peche do programa Degusta Europa, da Deputación de Pontevedra.
A presidenta provincial, Carmela Silva; o alcalde da cidade, Abel Caballero, o deputado Santos Héctor e a deputada Ana Laura Iglesias, xunto á veciñanza e as persoas traballadoras do mercado, degustaron estes manxares preparados polo alumnado do CIFP Manuel Antonio de Vigo no acto co que a Deputación celebra o Día de Europa, que se festexa cada 9 de maio coincidindo coa conmemoración da firma da Declaración de Schuman en 1950.
“Os mercados tradicionais da provincia, son os mellores, ao igual que o noso produto, tanto o do mar como o da terra” remarcou a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, no peche de Degusta Europa, recordando o “especial” que é o Mercado do Calvario para ela, “porque é o meu, ao que viña de pequena, que comezou a funcionar a finais do século XIX e máis de 100 anos despois segue mantendo a súa esencia: calidade do produto, unha atención marabillosa e unha xente especial, tanto a que merca como a que vende”. Ademais, quixo aproveitar a ocasión para felicitar polo seu traballo ao CIFP Manuel Antonio, encargado destes petiscos “ incribles”.
Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou que o do Calvario é “un mercado moderno, cun produto estupendo e cunha forma de ser das persoas traballadoras espléndida” e ao que, como a presidenta, tamén lle unen recordos da infancia. Igualmente felicitou ao alumnado do centro Manuel Antonio polas súas elaboracións e “por poñer en valor” o produto que se vende nestes espazos. “A boa gastronomía precisa de bos cociñeiros e cociñeiras e de bo servizo, pero o máis importante é o produto, que aquí é o mellor que hai”, resaltou.
O programa Degusta Europa, que coa súa presenza no Calvario vén de pechar a edición deste ano, ten como obxectivo principal dinamizar os mercados e prazas municipais dándolles un toque de innovación e vangarda gastronómica, ademais de poñer en valor os produtos de quilómetros cero da provincia. E todo da man dos centros de formación profesional integrada Manuel Antonio de Vigo e Carlos Oroza de Pontevedra. Este 2023, o programa ligouse á campaña de turismo da Deputación ‘Orixe Rías Baixas’, polo que rendeu unha especial homenaxe á cociña tradicional e as receitas das avoas da provincia, que recupera e reinterpreta con produtos locais, co fin de defender e poñer en valor a gastronomía, un gran patrimonio inmaterial de Europa.
Ao longo das últimas semanas, Degusta Europa pasou polos mercados e prazas de abastos de Redondela, Cambados e Pontevedra, onde foi o alumnado do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra o que estivo ao cargo dos fogóns, e Tui, Baiona e Vigo, menús dos que se encargaron os rapaces e as rapazas do CIFP Manuel Antonio de Vigo.