Vigo é unha cidade de novela, unha cidade, sobre todo, de novela negra. E éo grazas a obras de escritores como Domingo Villar, Pedro Feijoo, Manuel Forcadela, Ledicia Costas ou Beto Luaces, que a elixiron como escenario criminal e a converteron, nalgún caso, mesmo nun personaxe máis da historia.
Para debater sobre os motivos e as condicións que se dan e se deron para que figuras literarias coma estas escollesen Vigo como escenario das súas novelas criminais, o vindeiro 18 de maio o edificio Redeiras acollerá a xornada Vigo Noir, cidade ilustrada. Nin a data nin o lugar son unha casualidade, xa que coincidirá co primeiro cabodano do falecemento de Domingo Villar, e trátase dunha zona moi presente nas andainas do inspector Leo Caldas, polo que o evento servirá tamén como homenaxe ao escritor vigués.
A cita será á 19.00 horas e contará coa participación dos escritores Pedro Feijoo, María Xosé Porteiro e Manuel Forcadela, todos eles con novelas ambientas en Vigo, e do profesor da Universidade do Minho Xaquín Núñez Sabarís, premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2020 e primeiro autor en estudar a categoría Vigo Noir nos estudos literarios. Detrás desta iniciativa están José Montero Reguera, decano da Facultade de Filoloxía e Tradución; Blanca Miranda Rodas, estudante de doutoramento que está investigando sobre a tradución do Vigo Noir e Iolanda Galanes Santos, profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución.
Transitar polas rúas do Vigo criminal
Iolanda Galanes destaca que o Vigo criminal pódese visitar a través da obra literaria de Feijoo, Porteiro ou Forcadela, “pero tamén na de Álex Alonso (premio Xerais 2020), Francisco Castro, Laura Caveiro, Ledicia Costas, Rodrigo Cota, Manuel Esteban (premio Xerais 2016), Elena Gallego Abad, Beto Luaces, Cándido Paniagua ou do multipremiado Domingo Villar, entre outros e outras”.
De feito, “transitar polas rúas de Vigo, na ollada de Mariña e Simón de ‘Os Fillos do Lume’, na de Toni Barreiro de ‘Sangue sobre a neve’ ou pola Zona vella de ‘Cobardes’ son a oportunidade de descubrir unha nova cidade. O seu potencial transmedial fíxose patente na difusión interior e exterior do Vigo de Leo Caldas” e este acto servirá para “honrar a memoria da cidade e de quen a converte día a día coa súa escrita nun lugar literario, afincado xa no imaxinario do público lector”.
Conversas coa nosa xente
O evento, aberto ao público, está organizado pola Facultade de Filoloxía e Tradución e conta coa colaboración das vicerreitorías de Estudantado e Empregabilidade e de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo e forma parte do ciclo ‘Conversas coa nosa xente’.
E é que como destaca a profesora Iolanda Galanes, “esta facultade leva anos conectando o seu traballo cotián coa sociedade a través da cultura. Unha boa mostra son as Conversas coa nosa xente, nas que se enmarca este acto, en secuencia á lección maxistral de Ledicia Costas na graduación de xuño de 2022, ao ‘Vigo, unha cidade de novela’ de setembro de 2022 ou á ‘Conversa con Cándido Paniagua’, egresado da FFT, do pasado mes de febreiro.