O Día das Letras Galegas, que se celebra este mércores 17 de maio, trae consigo unha nova ruta polo centro de Vigo. Nesta ocasión, unha actividade para que vigueses e visitantes afonden na relación da cidade e as letras galegas dende os anos 50. Unha década na que Galicia asistiu a unha explosión cultural cun lugar como epicentro da acción: Vigo.
A plataforma Vigo Turístico ideou esta ruta co gallo desta celebración anual, que en 2023 se dedica a un persoeiro moi vencellado coa cidade olívica, Francisco Fernández del Riego. É unha das figuras que se aborda nesta andaina cultural, non só por protagonizar o Día das Letras Galegas senón tamén pola súa relevancia histórica.
Don Paco, tal e como salienta Vigo Turístico, foi un deses nomes que permitiu recuperar e espallar a lingua de Galicia, ademais dun “alicerce intelectual fundamental”. “Un persoeiro moi singular e querido que deixou unha grande pegada na cidade e os lugares que acostumaba frecuentar e que nós agora visitaremos aportando datos e anécdotas”, engaden.
A ruta non se esquece, nin moito menos, de autores tan populares coma Rosalía de Castro, Manuel Gómez Román, Xosé María Álvarez Blázquez, Valentín Paz Andrade, Fermín Penzol, Tita Cal ou de editoriais como Galaxia.
O profesor de historia e descendente dalgúns dos protagonistas, Alfonso Álvarez Canella, será o encargado de dirixir a actividade. A Praza da Princesa exercerá como punto de partida para rematar, aproximadamente dúas horas despois, na Alameda. Un paseo no se que pode descubrir, segundo Vigo Turístico, “un Vigo case descoñecido, o Vigo coma xerme dun sentimento que revitalizou e sacou do esquecemento a nosa cultura”.
A cidade, de feito, foi un punto destacado do galeguismo da época, polo que o percorrido, a fin de contas, servirá para coñecer personaxes e fitos que fixeron da cidade “o eixo do anovamento das letras e a cultura galega”.
Entradas
O prezo da ruta ascende a 10 euros por adulto. As persoas con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos teñen unha tarifa reducida de 7 euros. Os menores de 12 anos poden acceder de balde previa reserva, xa que os grupos non deben de exceder os 30 participantes.
As entradas poden obterse na páxina web da plataforma Vigo Turístico, que ofrece diferentes rutas temáticas en torno á cidade, a súa historia, a súa cultura…
A primeira das tres quendas dedicadas ás letras galegas tivo lugar o pasado sábado e vaise repetir o propio 17 de maio ás 11.00 horas e o domingo 21 ás 17.00 horas.