O Bloque Nacionalista Galego chamou este martes a poñer en valor, dinamizar e conservar os montes comunais de Vigo. Así o reivindicou este martes o candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que asegurou que «non podemos ter o grande pulmón verde da cidade con respiración asistida», após manter un encontro coa Mancomunidade de Montes de Vigo.
Igrexas trasladou na xuntanza o compromiso do BNG de duplicar os recursos municipais para «alargar a protección, valorización e uso social» dos montes en man común. «Merecemos un Vigo moito máis verde, por iso un BNG determinante a partir do vindeiro 28 de maio no Concello de Vigo imos ser a garantía de atender os nosos montes como é debido», salientou.
O candidato do BNG defendeu actuar no inmediato diante da situación de emerxencia climática e lamentou que «non teñamos aprendido nada da brutal vaga de lumes» que asolou a cidade no ano 2017. «Enfrontarmos os retos da situación de emerxencia climática non é unha tarefa de futuro, é unha urxencia de presente», valorou.
Nese camiño, propuxo despregar unha estratexia conxunta, en colaboración coas entidades, para a protección e xestión multifuncional dos montes, en especial na prevención de incendios. Ademais, chamou a «modernizar» os parques forestais como espazo de lecer público para «reconciliar» Vigo co seu medio natural e como oferta turística, ligada á oferta cultural e á súa posta en valor.
Nesa liña, pediu despregar unha «enérxica» campaña de sensibilización para que o conxunto da cidade se sinta «corresponsábel», en especial entre as e os escolares.
Vigo libre de eucalipto
Para avanzar nesa protección, o candidato nacionalista á Alcaldía propuxo declarar Vigo como cidade libre de eucalipto e outras especies pirófitas, estimulando a través da cooperación coas Comunidades de Montes e outras asociacións e colectivos da cidade a substitución por outras especies forestais autóctonas. Igrexas chamou tamén a combater o depósito de restos de obras e outros obxectos nos montes de Vigo.
«É imprescindíbel apostar por unha ordenación dos montes que permita o seu aproveitamento racional e sustentábel, produtivo, ambiental e tamén para lecer e práctica deportiva», remachou o cabeza de lista do BNG.