O Bloque Nacionalista Galego esixiu este mércores ao Partido Popular que “deixe de xogar” coas institucións de Vigo como os seus “pendellos para apoltronar cargos”. A fronte nacionalista censurou que os populares utilicen a Autoridade Portuaria de Vigo e a delegación da Xunta na cidade como “unha especie de senados locais nos que ter en reserva, con importantes retribucións, os seus cadros fracasados”.
Así o denunciou o futuro portavoz do grupo municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, que considerou “indecente” o baile de nomes no PP para ocupar estes postos. Nese sentido, interpelou á candidata do PP, Marta Fernández-Tapias, para que aclare se vai tomar posesión da súa acta como concelleira ou, pola contra, se vai “atrincheirar” na delegación da Xunta ou na Deputación de Pontevedra, como se está a rumorear nos últimos días.
“En termos democráticos sería inxustificábel que por segunda vez a cabeza de lista do PP na cidade fuxa do seu desempeño na oposición para se garantir un mellor postiño”, advertiu Igrexas, que asegurou que esta decisión suporía unha “nova estafa” ao seu propio electorado. “O Concello de Vigo non é un segundo prato, as viguesas e os vigueses non merecen ese desprezo”, afirmou.
Na mesma liña, chamou a poñer fin “dunha vez por todas ao maltrato” que o PP ten demostrado cara a Autoridade Portuaria de Vigo, por considerala só como “unha fonte de grandes salarios para os seus cargos”. Así, salientou o papel do porto como “grande tractor económico” da cidade, que xera máis de 50.000 postos de traballo directos e indirectos. “Unha institución chave para a base produtiva de Vigo non merece acabar presidida por segundóns do aparato do PP local como Miguel Fidalgo”, remachou.