O Festival TerraCeo suma un novo cheo na súa cuarta edición. O estadounidense Curtis Harding vén de converterse no cuarto artista en colgar o cartel de entradas esgotadas este ano. Curtis chega este venres, 30 de xuño, á terraza do Mar de Vigo para presentar o seu último disco ‘If Words Were Flowers’ nunha prometedora velada de soul.
Curtis Harding é recoñecido pola súa impresionante voz e o seu estilo único no que combina soul, rock, garaxe e mesmo psicodelia. O seu último disco é unha viaxe sonora chea de soul e emocións vibrantes. A súa capacidade para fusionar xéneros e a súa voz potente e inconfundible prometen unha experiencia inesquecible para os afortunados asistentes que esgotaron todas as entradas para este esperado concerto.
Pero a diversión esta fin de semana non se deterá aí. O sábado, La La Love You apoderaranse do escenario co seu pop-bailable contaxioso. Presentando o seu traballo ‘Blockbuster’, a banda madrileña deleitará ao público coa súa enerxía e as súas melodías pegadizas. Cun estilo fresco e letras que convidan a bailar, crearán un ambiente festivo e vibrante para os asistentes que acudirán a gozar desta actuación única e a cantar a pleno pulmón iso de ‘Y tú bailando, bailando, bailando…’.
O Festival TerraCeo achegará tamén este mes de xullo o pop-folk de Julieta Venegas (co aforo completo na terraza do Mar de Vigo); a mestura de R&B e blues dos irmáns Kitty, Daisy & Lewis, o novo flamenco de María José Llergo ou o ‘desert blues’ dos Tinariwen. E xa en setembro, despedirase co rap de Hard GZ, para o que restan poucas entradas á venda, e o inclasificable trap de Boyanka Kostova.