Co UM23 van oito. Oito monoprazas deseñados, construídos e pilotados por estudantes da Universidade de Vigo cos que medirse a equipos de todo o continente na Formula Student, a competición estudantil de motor máis importante de Europa que neste 2023 cumpre 25 anos. O novo coche, que se presentou na tarde deste mércores, participará este verán en tres probas, dúas delas Silverstone, onde competirá na proba clásica do Formula Student UK e tamén no Formula Student UK AI para vehículos autónomos, e no Formula Student Spain.
Detrás desta fazaña está un equipo formado por 71 estudantes, case o dobre que en temporadas anteriores, de 21 das titulacións das que se imparten na Universidade de Vigo. Teñen especial peso en UVigo Motorsport os estudantes de Enxeñaría Mecánica (21) e os de Enxeñaría Informática (12), seguidos polo de Enxeñaría Aeroespacial (8) ou Intelixencia Artificial (4). Con todo, e dado que o equipo debe funcionar como unha escudaría e desenvolver todas as función e tarefas que isto require, contan tamén con alumando de titulacións como Educación Social, Enxeñaría de Organización ou Administración e Dirección de Empresas.
Boa parte destes estudantes estiveron presentes este martes no acto oficial de presentación do monopraza, que tivo lugar no salón de actos da EE de Telecomunicación coa presenza do reitor, Manuel Reigosa; a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; a delegada interina do Estado na Zona Franca de Vigo, Ana Mejías; delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, o profesor responsable do proxecto, Jacobo Porteiro, así como representantes das moitas empresas e entidades patrocinadoras e colaboradas da escudaría estudantil. A todos eles déronlle as grazas, xa que o seu apoio económico, técnico e material é imprescindible para que este proxecto que naceu en 2014 e puxo a rodar o seu primeiro coche en 2015 siga adiante.
Un orgullo para a Universidade de Vigo e para a cidade
Guillermo Vázquez, o ‘team leader’ da escudaría, foi o encargado de conducir o acto que tivo lugar na salón de actos da EE de Telecomunicación e comezou a súa intervención destacando o impacto que tivo a pandemia no proxecto da escudaría universitaria. “Cada tres anos prodúcese un cambio de xeración, un proceso no que é imprescindible transmitir o coñecemento e a pandemia freou ese intercambio, pero a pesar de todo estamos aquí, cun coche nacido froito dun cambio de mentalidade que chegou para quedarse e que é a base dun futuro que está por vir”.
O reitor da Universidade trasladoulle a o ‘team leader’ e a todos os membros da escudaría, actuais e pasados, os parabéns da comunidade universitaria, “porque se constrúe enriba dos lombos dos anteriores” e isto permite que o coñecemento non se perda. Para Reigosa, este proxecto “é un orgullo, porque xunta moitas cousas que queremos para a nosa Universidade”, como a colaboración entre centros e titulacións, a competitividade da proposta ou a idea de excelencia. “Sodes un exemplo de combinación de talento e esforzo”.
A conselleira Lorenzana tamén felicitou o equipo por “fabricar un coche con criterios de excelencia, sen improvisar en nada e cun plan de negocio viable, con patrocinadores detrás”, como o fan as escudarías “de altísima competición como as que convocan a millóns de persoas en todo o planeta fronte a un televisor cada domingo”. Este monopraza, engadía, “é un exemplo da excelencia educativa de Galicia e é un verdadeiro orgullo apoiar que un vehículo galego, creado por un equipo galego e nacido no seo dunha universidade pública galega compita este verán en dúas mecas do automobilismo”.
O alcalde de Vigo tamén lles trasladou os parabéns, “polo que representades e polo que hai detrás de vós, sodes un orgullo para a cidade, para a cidade da automoción, a mellor do mundo facendo coches”. Caballero tamén tivo palabras de agarimo e agradecemento para os docentes Jacobo Porteiro e a Ana Mejías polo seu traballo de apoio e asesoramento ao equipo dende o primeiro día.
Precisamente, Porteiro quixo destacar que ese é o seu único labor, o de asesorar, porque este proxecto é “o resultado dun traballo forte, enorme, dos estudantes, e isto dálle máis valor ao proxecto”. Tamén felicitou ao equipo por ser quen de aprender do pasado, de aproveitar os coñecementos dos anos previos e remarcou que independentemente dos resultados que se acaden este verán “o que lavedes na mochila, o ter dedicado tantas horas e tanto esforzo, é moitísimo máis importante”.
Xullo en Silverstone e agosto en Montmeló
A primeira cita deste verán para a escudaría universitaria será en Reino Unido en apenas 15 días. O escenario será o mítico circuíto de Silverstone, onde se desenvolverán dúas probas entre os días 19 e 23 deste mes. Por unha banda, o equipo vigués participará xunto con outros 70, na competición clásica, a máis prestixiosa de toda Europa, e á que só se pode acceder por invitación. Nela haberá tres representantes españois, xa que xunto coa UVigo tamén superaron os test de acceso dúas escudarías da Universidade de País Vasco.
A outra competición neste mesmo escenario será a de vehículos autónomos, na que o UM23 se medirá con outros 19 monoprazas, dous deles españois: serán 20 equipos, con tres representantes españois: un da Universidade do País Vasco e outro da Politécnica de Madrid. Esta é unha liña de traballo, a do coche autónomo, que comezou en 2019 e que, por fin, consigue chegar a bo porto e participar nunha proba deste tipo.
A segunda cita da temporada será, como vén sendo habitual, en territorio nacional dentro da Formula Student Spain. A competición escollida será a que terá lugar entre o 6 e o 12 de agosto no circuíto de Montmeló, no que é o evento máis grande deste tipo en España. A escudaría viguesa competirá con outros 89 equipos.
Con todo, pese a ser estas tres as citas nas que rodará o UM23 este verán, os mozos e mozas de UVigo Motorsport traballaron arreo durante os últimos meses para presentarse aos procesos selectivos de oito competicións. O equipo vigués foi aceptado en todas elas, polo foi preciso elixir atendendo ás datas de celebración das carreiras e das posibilidades de desprazamento.
Melloras do UM23
Para o deseño e fabricación do UM23 o equipo aproveitou as melloras e avances conseguidos na anterior tempada e aplicounos ao novo monopraza. Como explica o responsable de Organización e Márketing, Óscar Hermida, as principais novidades con respecto ao seu predecesor, o UM22, “destacan un paquete aerodinámico máis complexo e desenvolvido, así como unha electrónica máis eficiente grazas á implantación das comunicacións mediante o protocolo CAN-Bus. (Controller Area Network), unha opción moi empregado en automoción que permite unha comunicación entre microcontroladores de centraliñas con unicamente tres cables.
Neste caso, explican os membros do equipo, distribuíronse seis centraliñas ao longo do monopraza e, grazas a este sistema, o equipo pode enviar e recibir información de todos os sensores do coche en tempo real, reducindo deste xeito o cableado. Esta temporada tamén é especial polo desenvolvemento do sistema autónomo, cuxos avances foron probados no propio evento.