Os seis investigadores do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM, que formaron parte da segunda fase do proxecto BOCATS2, (Observación bienal del carbono, acidificación, transporte y sedimentación en el Atlántico norte), xa están de volta da expedición realizada a bordo do buque Sarmiento de Gamboa na segunda quincena de agosto.
Tras dúas semanas a bordo regresaron con datos sen precedentes sobre o fondo do Atlántico norte. Satisfeito dos resultados obtidos, o investigador Guillermo Francés, coordinador desta campaña, destacou que o seu traballo supón “a obtención dunha batimetría cunha resolución sen precedentes, en particular no sector occidental da zona de fractura de Charlie-Gibbs, onde a cartografía previa era pouco detallada e con diferenzas notables respecto á que agora dispoñemos”.
Na mesma liña, sinalou que se conseguiu a recuperación dun rexistro sísmico e testemuñas sedimentarias das que esperan obter datos científicos novos que poñan ao CIM en condicións de achegar novo coñecemento respecto das masas de auga de fondo, a súa dinámica ao cruzar pasaxes oceánicas profundas, a súa evolución ao longo das últimas decenas de miles de anos e a súa resposta aos cambios climáticos globais acaecidos durante ese período.
O obxectivo dos expertos do Grupo de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica do CIM, que traballaron xunto con especialistas do Instituto de Ciencias do Mar de Barcelona (ICM-CSIC), Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM-CSIC) e da Royal Holloway University of London, era realizar unha análise dos sedimentos da zona de Fractura de Charlie-Gibbs, un tema de grande importancia dado que “o seguimento presente e pasado da circulación e a acidificación oceánicas no Atlántico norte é esencial para avanzar na detección precisa do impacto atropoxénico e mellorar as proxeccións dos modelos climáticos que sustentan os informes do IPCC (Grupo Intergubernamental de Expertos sobre el Cambio Climático) para a rexión europea”.
Obxectivos cumpridos
Respecto do traballo realizado, Guillermo Francés recoñeceu que tiveron dous ou tres días de condicións meteorolóxicas adversas, con ondas de catro metros, que os obrigaron a modificar sobre a marcha a planificación dos traballos, pero afortunadamente puideron acometelos a tempo.
“Ademais, a colaboración e o trato humano coa tripulación do Sarmiento de Gamboa e o persoal técnico da UTM foron magníficos, o que contribuíu a que a campaña, aínda que intensa en canto a traballo, fose tamén unha experiencia enriquecedora”, engadiu.
O investigador do CIM recoñeceu que “afortunadamente puidemos cumprir todos os obxectivos que tiñamos planificados”. Así, realizaron unha prospección acústica ao longo de máis de 1.200 millas náuticas (un 2.250 km) que permitiu obter unha cartografía detallada ao longo da zona de fractura de Charlie-Gibbs e unha caracterización da estrutura dos seus fondos. Os datos batimétricos serán incorporados a unha base de datos europea (EMODnet) que permite o acceso libre de calquera persoa aos mesmos.
Ademais, en catro zonas seleccionadas previamente, dúas ao oeste da dorsal centroatlántica e dúas ao leste, realizaron mostraxes dos sedimentos do fondo, obtendo uns 19,5 metros de rexistro sedimentario dos cales se puido facer unha primeira caracterización a bordo e obter máis de 1.800 mostras para levar a cabo diferentes tipos de análises no laboratorio que permitan interpretar os procesos oceanográficos e sedimentarios que tiveron lugar durante as últimas decenas de miles de anos neste sector crucial do Atlántico norte.
Traballo por facer
Sobre o futuro do proxecto, Guillermo Francés admitiu que “a partir de agora queda moito traballo por facer”. De momento, as testemuñas sedimentarias xa están nas instalacións do CACTI, o Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación da UVigo, para levar a cabo as primeiras análises non destrutivas que lles permitirán unha caracterización máis detallada das mesmas, unha correlación entre elas e a detección de intervalos clave.
Ademais, “de forma paralela, antes de fin de ano, esperamos contar coas primeiras datacións dos sedimentos, o que nos poñerá en disposición de contextualizar os rexistros obtidos nun marco paleoclimático global”. Outras análises das mostras seguirán un proceso a máis longo prazo porque requiren de técnicas que consomen moito máis tempo e os seus resultados agardan conseguilos ao longo do próximo ano.
A nivel persoal Francés recoñeceu que a experiencia foi “altamente satisfactoria”, non só porque se cumpriron os obxectivos científicos que se marcaran, senón tamén porque non houbo ningunha incidencia remarcable e porque o ambiente de traballo foi “moi enriquecedor”.
O Atlántico norte no noso clima
O coñecemento das flutuacións oceanográficas e climáticas do pasado recente que responde a causas naturais é particularmente interesante nun contexto de cambio global asociado ás actividades humanas. Debemos lembrar que o exceso de dióxido de carbono atmosférico xerado polas mesmas e o quecemento global asociado son, en boa parte, mitigados polos océanos, que absorben aproximadamente un terzo do CO2 emitido e acumulan máis do 90% do exceso de calor.
Este proceso está particularmente amplificado no Atlántico norte, onde a captación de CO2 supera nun 50% o valor medio oceánico, o que causa acidificación e que pode poñer en perigo o futuro dos ecosistemas bentónicos.
Ademais, como consecuencia do quecemento oceánico estanse producindo outros dous fenómenos de importancia: a diminución do osíxeno disolto e a ralentización da circulación oceánica.
A circulación do Atlántico norte, que constitúe un elemento esencial na regulación do clima europeo e da península ibérica en particular, xa experimentou unha debilitación recente e as previsións do IPCC apuntan a que sexa máis acusada nas vindeiras décadas. O propio IPCC resalta a falta de observación para poder cuantificar a magnitude desta redución, de aí a importancia de proxectos coma estes.