Despois de que o pasado venres o campus vigués acollese o acto inaugural do curso 2023/2024 das universidades galegas, este luns as aulas das diferentes facultades e escolas dos tres campus volvían encherse de alumnos e alumnas, no inicio da actividade académica na Universidade de Vigo.
O curso arranca na institución viguesa coa posta en marcha do Grao en Deseño, catro mestrados e un programa de doutoramento como principais novidades e coa “moi boa acollida” que están a acadar os seus diferentes graos por parte do alumnado de novo ingreso, como recoñece o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago.
A falta dos últimos chamamentos a matrícula por parte da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), a taxa de ocupación das prazas de novo ingreso nos estudos de grao que se ofertan nos tres campus sitúase no 100,21%, como apunta Lago, que subliña que é preciso ter en conta que esta porcentaxe alcánzase polo feito de que, pese a que aínda quedan titulacións con prazas vacantes, outras contan cun algúns matriculados e matriculadas máis que o número total de prazas inicialmente ofertadas.
En conxunto, a Universidade de Vigo ofertaba para este curso un total de 3.839 prazas de grao de novo ingreso, ás que se suman outras 1.704 de mestrado e 535 de doutoramento.
No referido aos estudos de grao, este luns tiñan lugar as primeiras clases, xunto cos actos de benvida que centros como a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación ou a Facultade de Comunicación dedicaban aos novos universitarios e universitarias, sumándose aos xa celebrados noutros centros ao longo da pasada semana e os que se leven a cabo nos próximos días. A pasada semana, así mesmo, os tres campus acolleron tamén unhas xornadas de benvida dirixidas a achegarlles información sobre os diferentes servizos que a institución académica pon a súa disposición.
Novas titulacións
O curso 2023/2024 vén marcado pola posta en marcha, no campus de Pontevedra, do Grao en Deseño, unha titulación que, como sinala Lago, “espertou moito interese”, como amosa o feito de que “na preinscrición había 61 solicitudes de primeira opción para as súas 45 prazas, cunha lista de espera de 91 persoas”.
A nova titulación ten como sede a sexta planta do edificio administrativo da Xunta de Galicia, na rúa Benito Corbal, onde este luns daba a benvida aos 52 alumnos e alumnas finalmente matriculados a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón.
Ademais de darlles a noraboa por terse incorporado a un grao que botou a andar cunha nota de corte de 8,4, a vicerreitora trasladou ao estudantado a “alegría do equipo reitoral porque dese comezo un grao que foi loitado nos últimos anos, nos que houbo pequenos problemas para que se puxera en marcha”. Lantarón lembroulles así mesmo que as instalacións nas que inician a súa formación “non son as definitivas”, xa que o obxectivo da Universidade é dotar á Facultade de Deseño dun “edificio propio” no futuro.
Alén do único grao que se suma á oferta do Sistema Universitario de Galicia, a UVigo imparte tamén por primeira vez catro novos mestrados no presente curso. No campus de Ourense botará a andar o máster en Aeronáutica, que dá acceso a unha profesión regulada, completando o itinerario de aprendizaxe na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.
Tamén se estrean tres novos mestrados de carácter interuniversitario, dous deles pertencentes ao catálogo Galicia 2030, os mestrados de Xestión Sostible da Auga e Fabricación Aditiva. O primeiro, impulsado polas tres universidades galegas, impartirase na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, mentres que o segundo, promovido xunto coa Universidade da Coruña, terá como sede na UVigo a Escola de Enxeñería Industrial.
Finalmente, compartido polas tres universidades galegas, na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación botará a andar o Mestrado Universitario en Ciencia e Tecnoloxía de Información Cuántica. Por outra banda, as novidades académicas coas que a UVigo inicia o curso 2023/2024 complétanse co Doutoramento en Nanciociencia e Biomedicina, vinculado ao Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO).
Prazos de matrícula por diante
Alén da “moi boa acollida” que, como sinalaba Lago, están a obter os diferentes graos ofertados na UVigo, o proceso de matriculación para o alumnado de novo ingreso continuará nas próximas semanas. Tras pecharse o pasado luns a matriculación correspondente ao sexto chamamento efectuado pola CIUG, o 15 de setembro publicarase o sétimo chamamento, tras o que se efectuarán dous máis a finais de setembro e comezos de outubro. “A partir de aí, se hai prazas vacantes, as universidades publican unha relación de titulacións con prazas que poderán cubrirse”, explica Lago.
No caso da continuación de estudos, o período de matrícula péchase hoxe luns 11 de setembro, tanto para os estudos de grao como para os de mestrado. Neste segundo caso, tras a preinscrición aberta en agosto, entre o 15 e o 18 de setembro abrirase o segundo período de matrícula para as titulacións con prazas vacantes.
A este poderá sumarse un teceiro, por solicitude expresa da comisión académica dos mestrados que aínda non cubriran prazas. Neste terceiro prazo, a Universidade permite ademais a realización dunha “matrícula condicionada”, que poderán solicitar “as e os estudantes que, no momento de preinscribirse, só teñan pendente a acreditación do nivel de idioma estranxeiro para obter o título de grao, se é o caso, ou réstelles por superar o traballo de fin de grao e, como máximo, outros nove créditos ECTS”, explica o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente.