O Bloque Nacionalista Galego realizou este sábado un roteiro guiado para dar a coñecer «O Vigo de Fernández del Riego». Unha iniciativa coa que queren dar a coñecer a vigura do senlleiro galeguista e a súa fonda pegada na nosa cidade e que contrapoñen á «inexplicábel e ofensiva inacción do Concello de Vigo» que non realizou ningunha actividade malia ser o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2023.
O roteiro iniciouse ás 10:15 no IES Castelao, no Calvario, e despois de atravesar diferentes puntos da cidade relacionados con «Don Paco», está previsto que conclúa ás 13:30 na Pinacoteca que leva o seu nome. O mesmo foi guiado polo profesor, crítico literario e académico correspondente da Real Academia Galega, Ramón Nicolás.
Francisco Fernández del Riego naceu en Lourenzá, pero despregou todo o seu traballo cultural e político en Vigo. A editorial Galaxia, o seu traballo como investigador da nosa literatura e a nosa cultura, o seu traballo na Biblioteca Penzol, e o legado documental e artístico que deixou nesta cidade, «son elementos máis que suficientes para considerar Fernández del Riego unha persoa chave na historia de Vigo», explicou no inicio do acto a concelleira e responsábel de Cultura do BNG de Vigo, Ana Martínez.
Falla de actividade municipal
«Neste ano no que a RAG lle dedicou o Día das Letras Galegas, o Concello de Vigo non se preocupou en absoluto de dar a coñecer a súa figura, máis alá da reinauguración do seu busto na praza que leva o seu nome, e que foi realmente unha excusa para inaugurar a súa remodelación a poucos días das eleccións», reprocha Martínez.
Desde a fronte nacionalista criticaron tamén o escaso alcance da exposición programada na Pinacoteca por causa dos «escasísimos horarios de apertura e da raquítica promoción da mesma». Nesa misma liña lamentan a falla de medios municipais para dar a coñecer os fondos da biblioteca de Fernández del Riego que xenerosamente legou á Fundación Penzol.
O Portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, inscribíu a falla de actividade do Concello arredor dunha figura «tan potente para a cultura e historia da cidade» dentro da política de «desertización cultural» que impón o Goberno municipal. «A indiferenza do Goberno municipal pola figura de Fernández del Riego non é máis que un exemplo do seu profundo desprezo contra da nosa cultura. A falla de actos e actividades para celebrar a súa pegada imborrábel na nosa cidade é apenas o penúltimo capítulo da galegofobia e do autoodio que practica Abel Caballero», reprochou con contundencia Igrexas.