Nun contexto de transformación dos medios de comunicación cara unha contorna esencialmente dixital, as televisións rexionais teñen ante si o reto de innovar para adaptarse ás novas realidades, sen deixar de lado a súa esencia como servizos públicos de proximidade. Este proceso de dixitalización será o obxecto de estudo da Cátedra Circom-UVigo, cuxo creación foi asinada este mércores pola Universidade e Circom Regional, a asociación internacional de profesionais que traballan no eido dos medios audiovisuais públicos rexionais en Europa.
Á fronte da cátedra estará o profesor da Facultade de Comunicación José Rúas, que xunto cun equipo de investigación do centro, se encargarán de realizar un estudo cualitativo e mapeo que permita coñecer as tendencias en innovación e adaptación á transformación dixital nas televisións públicas rexionais europeas. Paralelamente, tamén traballarán noutros eidos, como a loita contra a desinformación a nivel local e rexional e a preservación da lingua, a cultura, a diversidade e a conexión emocional entre medios e audiencia nun contexto de proximidade.
Primeira universidade europea en asinar un acordo con Circom
No acto de sinatura celebrado esta mañá participaron o reitor, Manuel Reigosa, xunto con Fernando R. Ojea, director de contidos da CRTVG e actual secretario xeral de Circom Rexional, que reúne 250 canles e centros de produción rexionais de 29 países europeos.
O grupo de investigación liderado polo profesor Rúas xa viña colaborando con Circom en diferentes proxectos e actividades e, como resaltaba Ojea, “gañáronse a nosa confianza para converterse na primeira universidade coa que asinamos un acordo deste tipo”. Para Circom, o feito de poder contar cun estudo exhaustivo sobre a adaptación dixital dos medios rexionais europeos será un grande avance, porque “as televisións rexionais de proximidade somos organizacións moi heteroxéneas, en cada país temos un modelo distinto e agrupar información estruturada non é tan fácil”.
Por iso, consideran unha vantaxe “ter un socio como a Universidade de Vigo que nos permita coñecer a realidade de cada caso e compartir información sobre transformación dixital e transformación interna nas redaccións e nas organizacións dos medios”.
O reitor, Manuel Reigosa, amosou a súa satisfacción por este acordo e puxo en valor o traballo realizado ata agora polo profesor Rúas e o seu equipo. “Agardamos que esta sexa unha alianza de futuro e que entre todo consigamos un futuro mellor para Europa e para o mundo da comunicación”.
Precisamente, o director académico da cátedra, José Rúas, destacou o feito de que a UVigo sexa a primeira universidade europea en asinar un convenio destas características coa rede Circom, na que están varias entidades españolas, como Telemadrid, a EITB ou a CRTVG. Sobre esta última, Rúas quixo destacar a súa “boa disposición e axuda para acadar este acordo” e sinalou o feito de que a cátedra contará con investigadores vencellados ás tres universidades galegas, ademais da Carlos III de Madrid, da Central European University de Viena e da Universidade de Primorska, en Eslovenia, na que imparte docencia Zoran Medved, o project manager desta cátedra e directivo da RTV eslovena.
Dúas liñas de traballo
A cátedra márcase no seu lanzamento dous obxectivos principais. Por unha banda, estudaranse os procesos de innovación e dixitalización nas redes de radio e televisión rexionais europeas da rede Circom. Isto implica investigar a innovación tecnolóxica, identificar as necesidades actuais do sector audiovisual e os perfís profesionais demandados nos medios e coñecer os procesos de produción de contidos baseados na difusión e difusión lineal en redes sociais e plataformas.
Para a elaboración desta radiografía realizarase un estudo en dúas ondas, a primeira en 2023 e segunda en 2024, e a metodoloxía basearase na realización de entrevistas en profundidade cos responsables dos departamentos de Dixital e Social Media; Recursos Humanos; Legal e Xurídico e Contidos. En total, levaranse a cabo 352 entrevistas cos responsables dos departamentos clave de 44 estacións de radio e televisión de 29 países.
Por outra banda, unha segunda liña de traballo estará orientada a analizar o tipo de contidos que publican as televisións autonómicas nas diferentes redes sociais. Para isto, os investigadores avaliarán o engagement das publicacións nas RRSS das televisións autonómicas; estudarán se estas fomentan a participación e a interacción cidadá e xeran conversación entre usuarios a través dos contidos publicados ou se se manteñen como unha canle de comunicación unidireccional que non fomenta participación ou diálogo e, finalmente, derivado do anterior, examinarán se as publicacións nas redes das TV analizadas xeran conversa de acordo cos principios dialóxicos (interface sinxela, información útil, retención de visitas, xeración de visitas repetidas, etc.) e avaliarán o grao de interacción cos usuarios.
Paralelamente a estas dúas liñas de traballo crearase o Circom-UVigo Hub, un lugar de encontro e intercambio entre académicos e profesionais, e impartiranse unha serie de obradoiros de temáticas diversas.