Francisco Castro Veloso (Vigo, 1966) é unha persoa polifacética e moi destacada no eido da cultura galega, cunha vida profesional que abarca actividades tan complexas e diversas como a de profesor, escritor, editor, conferenciante, xornalista, tertuliano de radio e televisión…, e agora irrompe na música. O vindeiro sábado 28 de outubro, precisamente o día despois do seu aniversario, ás 20.00 horas, presentará o seu primeiro disco na sala Salesianos. VIGOÉ tivo a oportunidade de conversar con Francisco Castro, unha persoa que xa forma parte de historia cultural de Galicia.
Vostede compuxo as letras e a música de todas as cancións do disco. Canto tempo leva traballando nese proxecto?
Gustaríame dicir que 57 anos, pero, en realidade, dezaoito meses. O proxecto máis ou menos en serio comeza a fraguarse en febreiro de 2022, ata setembro de 2023, que é cando sae o disco, ano e medio, aproximadamente.
Vostede canta e toca a guitarra e no disco vai na compaña doutros músicos. Ten grupo propio?
Si, si. O concerto vai cunha banda que se chama A Banda dos Borges, que me vai acompañar non só na estrea, en Salesianos, senón noutros concertos que xa están programados en Galicia.
O nome da banda ten algo que ver con Borges o escritor?
Non. Chamámonos así porque Os Borges é unha coñecida banda de delincuentes arxentinos, e como meu productor é arxentino ocorréuseme poñerlle ese nome e eles están encantados, coma unha banda de delincuentes.
É moi diferente compoñer unha canción que escribir un libro?
A verdade é que non. Parécese bastante. Ambas actividades consisten en contar unha historia. O que pasa é que no formato novela podes facelo en trescentas páxinas, e nunha canción tés que facelo en tres minutos. Pero sempre é o mesmo, a arte consiste en comunicarse unha persoa con outras persoas contándolles algo, entón creo que non é moi distinto. No meu caso, tanto a escrita literaria como as cancións implican, sobre todo, moita corrección e moitas voltas a cada palabra, cambiar unha e outra vez ata que eu considero que xa é o definitivo. Para min son dúas maneiras de facer o mesmo.
O meu primeiro instrumento foi unha batería pequena que me trouxeron os Reis Magos
Para Francisco Castro, que foi primeiro, a literatura ou a música?
A música, por suposto. Moito antes de saber ler e escribir xa cantamos. Os bebés, a partir dos seis ou sete meses son susceptibles ao sentido do ritmo. Eu recordome, prácticamente sen saber falar, cantando “A Hard Day’s Night” dos Beatles, o disco enteiro, que era o que se escoitaba en bucle na miña casa. Entón, primeiro sempre foi a música.
Recorda o seu primeiro instrumento?
Si. O meu primeiro instrumento foi unha batería pequena que me trouxeron os Reis Magos, coa que torturei perante meses á miña familia. Un día desapareceu. Eu creo que tiraron con ela para non terme que aturar máis.
Onde atopa a súa inspiración musical?
No mesmo que a inspiración literaria, na propia vida. Os que nos dedicamos ao mundo da creación andamos cunha antena parabólica continuamente aberta captando todo o que vemos, todo o que sentimos. E as historias nacen de aí, as historias literarias ou as ideas para cancións.
Que músicos admira?
Uf. Pois teño que colocar en primeiro lugar os Beatles, por suposto, pero eu son moi ecléctico, igual que como lector. Asi como de cativo lía todo o que caía nas miñas mans, son moi amante de todas as músicas. Se tivera que quedarme con dúas correntes diría que teño unha especial predilección pola música dos anos sesenta, toda a música anglosaxona dos anos sesenta, e logo os grandes cantoautores: Aute, Serrat, Sabina, Leonard Cohen, por dicir catro.
Algunhas cancións teñen unha carga social moi potente
Vostede é unha persoa moi comprometida social e políticamente. A súa música tamén reflicte estes compromisos?
Si, por suposto. O disco e as cancións que se van a cantar no concerto gravitan ao redor de dous eixos, por unha banda o tema do amor, o tema do máis gozoso que hai na vida que é querer e ser querido, ser correspondido, e logo, que tamén é un acto de amor o compromiso coa túa sociedade. Digo que é un acto de amor porque cando amamos queremos o ben da persoa que está con nós, e si queremos á nosa sociedade estamos obrigados a querer aos nosos semellantes e o que queremos é que estean ben, entón eso está reflectido nagunhas cancións que teñen unha carga social moi potente.
Que autocrítica faría da súa obra musical?
Faría unha autocrítica, máis que da obra musical, do músico. Gustaríame ser un tercio da mitade de bo instrumentista que os músicos da miña banda. Son consciente que teño moito que mellorar como guitarrista. Eles din que non, pero eu sei que si.
Logo de tantas aportacións culturais ao longo da súa vida e agora desta faceta musical, con que vai sorprender Francisco Castro ás súas seguidoras e seguidores no futuro? Que lle queda por facer?
Pois sempre quedan cousas por facer. Gustaríame probar sorte como actor, por exemplo. Aínda que fose un papel diminuto e sen texto, nalgún proxecto asi. Pero eu volvo ao de antes, eu creo que todo forma parte do mesmo, eu, se tivera que poñerme unha etiqueta, diría que son un comunicador, son unha persoa que se comunica. A palabra comunicación significa poñer en contacto dúas persoas e creo que iso é o que eu fago desde a literatura, desde os artigos, cando eu falo nos medios de comunicación, nos faladoiros, agora dende a música, e calquera actividade que no futuro se me ocorra. Son bastante inquieto e tendo a meterme en moitos sarillos e a pisar moitas pozas, entón, non sei en que sorprenderei, pero seguro que con algunha cousa nova, seguro.
Non, non deixaría o que son. Non me podo deixar a min mesmo atrás.
Moitas persoas que seguen a obra de Francisco Castro se preguntan se a súa actividade musical vai desprazar á literatura.
Non, eso é imposible. Estou rematando unha novela longuísima que trata sobre música, precisamente, pero non, eu vou ser escritor ata que morra e iso forma parte da miña esencia diaria, todos os días escribo, e iso vou seguir facendo, seguro. Nesta mesma mañana na que temos esta conversa vou gravitando entre as cancións do concerto, que repaso unha e outra vez, e a corrección da novela. Aquí, enriba do sillón no que estou falando, teño unha guitarra e o borrador da novela, e esas dúas realidades forman parte da mesma e iso non se vai deixar nunca.
Entón xa non ten sentido preguntar si Francisco Castro deixaría todo pola música?
Non, non deixaría o que son. Non me podo deixar a min mesmo atrás. Eu son unha persoa que escribe, son unha persoa que canta, asi que non podo deixar unha parte miña atrás, nunca.