O Concello de Covelo sumouse á iniciativa de Restauración da Memoria Lingüística de Galicia en Galego da man do seu prezado veciño, Domingo Lorenzo Vello. Coñecido como “Mingos” foi gaiteiro e fundador do afamado orfeón “Treixadura” espallando a lingua galega a través das súas cancións.
O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, explica que o Covelo quixo recoñecer, así, a aportación de Mingos como promotor do uso da lingua galega, difundindo o folclore popular e levando o nome da súa vila e de Galicia alí onde actuou, ademais de renderlle unha cariñosa homenaxe. No acto celebrado no camposanto de Barcia de Mera colocouse, tamén, unha lápida que amosa o fondo agradecemento a todas as persoas que xacen nese camposanto “porque grazas a elas e eles Galicia segue a ter a lingua e cultura de seu”.
Fini Varela, acordeonista e dona de Mingos, lembrou o significado que a música, a lingua e Treixadura tiveron na vida de seu home, mentres que o presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG), Pepe González, enfatizou o dereito a ser recordado na lingua coa que naceches e coa que te comunicaches ao longo da vida. “Tan só un dous por cento das esquelas publicadas nos medios son en lingua galega e tan só un 1% das lápidas a pesar de ser a lingua nai da maioría de todos nós. Dende a nosa asociación animamos a recoller nas vontades testamentarias o dereito a ser recordado na lingua na que viviches”.
O párroco de Barcia de Mera, Rafael Antela, rescatou da memoria ao primeiro cardeal de Santiago en celebrar a misa en galego a mediados do século pasado, Fernando Quiroga Palacios, e defendeu os oficios relixiosos en galego levando el máis de trinta anos predicando en galego “porque Deus entende todas as linguas”.
Baixo a campaña “En galego agora e sempre” a AFNLG, Galeguizargaliza (grupo de asociacións que comparten un mesmo obxectivo: dinamizar a cultura galega e normalizar o uso da nosa lingua en distintos ámbitos da vida social, cultural, económica e administrativa), a Xunta de Galicia e o Concello de Covelo queren facer pedagoxía sobre a incoherencia de soterrar aos seres queridos con lápidas escritas nun idioma diferente ao que falaban en vida.
“O noso veciño de Barcia de Mera, Mingos, decidíu ao longo da súa vida chegar ás persoas a través da música, do canto e do galego, motivo polo que coidamos que era a figura coa que debíamos dar o primeiro paso”, explica Pablo Castillo.
Mingos Lorenzo formaba parte dese grupo de artistas que empezaron facendo música popular nas tascas e lograron colocala onde merecía. Compoñente do grupo A Roda, con quen compartiu o gusto polo canto popular, pasou de gaiteiro a converterse no ano 1990 en membro fundador do Orfeón Treixadura.