A sede da Deputación en Vigo acolleu este xoves o primeiro dos coloquios de A Movida Literaria, centrado na novela negra e social. Participaron Inma López Silva, Francisco Castro, María Xosé Porteiro, Pedro Feijoo e Rexina Vega. O ciclo completarase con outro coloquio, o mércores 29 de novembro ás 19:30 horas e tamén de balde, centrado na literatura infantil e xuvenil.
Arrancou así a oferta cultural que a vicepresidenta primeira e delegada da área de Cultura da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, deseñou para a sede viguesa en colaboración con colectivos culturais da provincia. A primeira das iniciativas, un coloquio centrado na novela negra e social, enmarcado no ciclo A Movida Literaria, tivo lugar este xoves con entrada de balde.
O ciclo A Movida Literaria abrangue dous coloquios sobre literatura viguesa que serven ademais para celebrar os cinco anos do medio cultural de referencia de Vigo: A Movida. Ademais deste primeiro coloquio sobre novela negra, terá lugar outro, o mércores 29 de novembro, tamén ás 19:30 horas e con entrada de balde, centrado na literatura infantil e xuvenil en Galicia. Neste caso o coloquio estará protagonizado por escritoras e escritores coma Marcos Calveiro, Ledicia Costas, María Reimóndez e Manuel Esteban.
Ademais de A Movida Literaria, a Deputación de Pontevedra ten previstas outras dúas iniciativas a desenvolver na sede de Vigo ata finais de ano: “Ultraluz”, unha experiencia artística que lle dá vida á obra de Ledicia Costas, e unha combinación de literatura, poesía e música da man de Culturgal. A primeira delas terá lugar na sede de Vigo da Deputación o 19 de decembro, ás 20:00 horas, e terá réplica en Pontevedra, o 20 de decembro no Museo Provincial.
Pola súa banda, a proposta da man de Culturgal terá lugar na sede de Eduardo Chao os días 23 e 24 de novembro en tres sesións ás 18:00, 19:00 e 20:00 h, na que participarán catro Premios Xerais, así como figuras coma Alba Garrido, Iria Morgade, Iolanda Zúñiga, Velpister, Catuxa, María Lado e Leilía, que se encargará do peche deste Culturgal estendido con motivo da súa xira de despedida Anque me vou non me vou.