“Satisfacción” na Comunidade de Montes de Tameiga. A entidade, propietaria do polígono industrial Monte Faquiña, logrou pechar un acordo con Copo que certifica a permanencia en Mos da actividade empresarial e do seu emprego durante 25 anos máis.
A última reunión celebrada serviu para definir os termos do futuro contrato, toda vez que “as partes acadaron un punto de encontro satisfactorio para todos”, segundo informa a Comunidade de Montes. A última oferta posta enriba da mesa por Tameiga “resultou clave para concretar o acordo”.
A falta de que se rubrique o documento, Comunidade de Montes e Copo asinarán un novo pacto a longo prazo, por 25 anos, cun canon de aplicación progresiva . Con inicio no 2024, a firma abonará o ano que ven unha cifra que se actualizará no 2025 e permanecerá estable ata 2032, momento no que se aplicará o terceiro tramo económico fixo ata o final do contrato.
César Lago, presidente da Comunidade de Montes de Tameiga, amosou a satisfacción da entidade: “Facemos un gran esforzo, mais paga a pena”, afirmou, en referencia ó volume de traballadores e traballadoras que Copo emprega en Mos e ós termos de duración do acordo. “Sempre dixemos que nós somos de Tameiga e vivimos aquí. Non somos uns xestores que só buscan rendibilidade, procuramos darlle estabilidade ao territorio, ás empresas e aos empregos, por iso propuxemos un novo contrato a longo prazo”, explicou.
Copo, cun volume de negocio superior aos 160 millóns no 2021, dispón actualmente de case 40.000 metros cadrados de superficie no polígono industrial e un contrato en vigor ata 2025. A Comunidade de Montes de Tameiga valora a disposición da empresa a acadar un novo acordo que fai posible o mantemento de ducias de postos de traballo en Mos e a continuidade da súa actividade económica no parque empresarial de Monte Faquiña, a presente e a futuro.
A rúbrica con Copo ratifica a xestión lóxica e responsable que Tameiga está a aplicar no polígono industrial. De feito, e contando coa empresa de automoción, a Comunidade de Montes ten chegado a acordos con 23 das 26 empresas que operan actualmente en Monte Faquiña, polígono que se atopa actualmente ao 100% da súa capacidade.