A exconcelleira Uxía Blanco anunciou este xoves a súa decisión de non asumir o cargo de concelleira, que lle correspondía tras o nomeamento do edil Abel Losada como subdelegado do Goberno en Pontevedra, para centrarse na súa retomada carreira como actriz de cinema, xa que nestes momentos conta con importantes proxectos de interpretación.
Ante esta despedida da política, Abel Caballero destacou o traballo desenvolvido desde 2015 por Blanco como concelleira de Igualdade e Cultura nos sucesivos gobernos municipais.
Desde os anos 70, Uxía Blanco participa en numerosas montaxes teatrais, pero non é ata finais dos anos 80 cando dá o salto ao cinema da man de Chano Piñeiro, protagonizando Sempre Xonxa, primeira longametraxe da ficción galega.
Desde entón participou noutras películas, destacando a súa intervención na Lingua das Bolboretas, adaptación ao cinema de José Luis Cuerda dun relato de Manuel Rivas e que formaba parte do libro Que me queres, amor?.
En televisión participou na serie Mareas vivas, éxito da TVG, e a nivel nacional destaca a súa colaboración en Cuéntame. Como presentadora colaborou noutro emblemático espazo da TVG, o programa Luar, e máis tarde contou cun espazo propio sobre cinema, DeZine.
O seu futuro artístico pasa agora por rodará en Vigo unha película sobre a cantante de ópera María Calas; e tamén viaxará a Arxentina para, no verán, mergullarse noutro proxecto que a levará a rodar ás Illas Cíes.