A Asociación Veciñal de Teis denuncia que a piscina municipal de Teis xa leva pechada 19 meses, logo do incendio ocorrido en maio de 2022, «e non hai avances na anunciada reconstrución», sinalan nun comunicado.
Lembran que, en agosto de 2023, Abel Caballero anunciaba que se iniciaba o proceso de reconstrución da piscina municipal de Teis, pero o certo é que «cinco meses despois seguimos sen avances, pois aínda non se comezou a redacción do proxecto» de reforma da piscina municipal.
«Si o goberno municipal non considera este proxecto unha prioridade e se pon a traballar, ao longo deste ano 2024 tampouco estará realizada a reforma da piscina municipal de Teis», consideran.
Ademais, sinalan que se a piscina da ETEA estivera funcionando na actualidade «podería perfectamente cubrir a demanda da veciñanza de Teis, que agora ten que desprazarse polas diferentes instalacións deportivas da cidade», lamentando que tiñan dúas piscinas e que agora non contan con ningunha: «E debido a mala xestión do goberno municipal, non imos a ter en funcionamento ningunha das dúas piscinas coas que contabamos».
Crear un gran complexo deportivo na ETEA, «Máis que auga»
Explican tamén que no último escrito que lle fixeron chegar a Abel Caballero, «trasladámoslle a necesidade de mellorar as instalacións deportivas na ETEA, que pasaría pola recuperación da piscina que se cubriu en 2017, que inclúa un spa, a construción dun amplo ximnasio con varias salas e pistas de pádel».
E continúan plantexando que «se o espazo actual das instalacións deportivas que xestiona o Concello de Vigo fora insuficiente, podería utilizarse parte dos terreos lindeiros do PS6, área de usos complementarios, da ETEA. Isto permitiría a Teis contar cun gran complexo deportivo, crear un «Mais que auga na ETEA «, como teñen outras parroquias e barrios, nun lugar único como a ETEA, e que permita a veciñanza realizar todo tipo de actividades deportivas».
Desde a Asociación consideran que só a mobilización veciñal permitirá recuperar a piscina municipal de Teis en 2024 «e contar en Teis cunhas boas instalacións deportivas», polo que convoca unha nova manifestación este vindeiro domingo 28 de xaneiro ás 12:00 horas, desde a rúa Coutadas, diante da piscina municipal de Teis.