Este venres, 23 de febreiro, ás 20:00 horas, presentarase no salón de actos do Museo Marco o libro «O Cabronario» de Celso Emilio Ferreiro, un poemario prohibido en España na ditadura por ir contra o franquismo.
No acto de presentación do libro participarán Xabier Ferreiro, fillo de Celso Emilio e autor do limiar; Antonio García Teijeiro, poeta e narrador; e o editor Xabier Romero.
«O Cabronario» é unha obra inédita de Celso Emilio Ferreiro que foi escrita en Venezuela e que non puido ser publicada en España pola súa crítica directa ao franquismo, á igrexa e aos Borbóns.
Desta forma, o fillo de Celso Emilio, Xabier Ferreiro, que tiña no seu poder o orixinal da obra, foi o gran impulsor desta publicación e participou de forma activa en todo o proceso.
Ademais, tamén é o autor do amplo limiar, no que se fai unha extensa explicación do contexto no que nace este libro, así como de cada un dos poemas que o conforman. O artista Xavier Magalhães é o autor da obra da cuberta.
«O Cabronario» será a primeira obra de Luscofusco Edicións, o novo selo editorial de Mundo Detrás do Marco, que se suma a Editorial Elvira e Fosfatina Ediciones. Luscofusco estará centrado en Galicia e os seus escritores/as é este é o primeiro traballo deste novo selo, que moi pronto dará a coñecer novos contidos.
Escritor e político galeguista
Celso Emilio Ferreiro Míguez, nado en Celanova o 4 de xaneiro de 1912 e finado en Vigo o 30 de agosto de 1979, foi un escritor e político galeguista. Como poeta, dispón dun gran dominio técnico do verso, riqueza de imaxes, equilibrio na construción do poema procurando un efecto final, capacidade de sátira e compromiso político co seu pobo, polo que a súa poesía será considerada como «poesía social», aínda que el prefería que lla denominase «poesía belixerante».
A súa obra «Longa noite de pedra» é un dos libros chave para entender a literatura galega contemporánea e unha referencia obrigada de toda unha xeración de autores e lectores.
Expresouse fundamentalmente en galego, pero tamén ten obra en castelán, edicións bilingües e foi traducido a varios idiomas. É considerado o máximo expoñente da Xeración do 36 e unha das figuras máis salientables da literatura galega do século XX. En 1989, dedicáronlle o Día das Letras Galegas.