No marco do firme compromiso coa igualdade do goberno de Luis López á fronte da Deputación de Pontevedra, o organismo lanza a segunda colección de “Aquí Faltan Páxinas” enxalzando a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia. O programa foi mellorado nesta segunda edición e, por vez primeira, inclúe a unha muller viva, a fotógrafa Mary Quintero, pon en valor historias de mulleres anónimas, como foi o caso das leiteiras de Pontevedra ou das madriñas de San Simón, e chega ao mundo rural. O programa, que se estenderá ao longo de todo o ano, arrancará este martes, 27 de febreiro, cunha conferencia ás 19:00 horas no Museo de Pontevedra sobre Carmen Babiano Méndez-Núñez a cargo de Beatriz de San Ildefonso.
“Aquí Faltan Páxinas” pretende contar a historia de mulleres extraordinarias que desenvolveron un papel clave e, sen embargo, non figuran nos libros. Ademais, dándolles visibilidade, o programa contribúe a dotar ás nenas e mozas de referentes femininos. “Só recuperando esta xenealoxía de grandes mulleres –asegurou o presidente da Deputación Luis López- poderemos ter unha visión real e completa do noso pasado, sen ocos, e conseguir que as nosas nenas e mozas medren fortes e miren cara o futuro con optimismo e esperanzas”.
Deste xeito, e ademais das novidades xa mencionadas, esta segunda colección presenta mulleres pioneiras, valentes e arriscadas, que se aventuraron no eido da artes como Carmen Babiano ou Mercedes Ruibal, na escritura como Avelina Valladares, na música como María Pardo Trapote, ou loitadoras como María Araújo, Urania Mella ou Placeres Castellanos. A colección tamén presenta pioneiras da ciencia como Inmaculada Paz Andrade, ou figuras relevantes na conquista de territorios como a raíña Urraca I, alcumada “A Temeraria”, por atreverse a exercer o poder igual que facían os homes.
As protagonistas
“Aquí Faltan Páxinas” comeza este mes de febreiro con Carmen Babiano Méndez-Núñez á que lle seguen, en marzo e con conferencias tamén na cidade do Lérez, as leiteiras de Pontevedra e Inmaculada Paz Andrade. Sobre as primeiras afondará o 7 de marzo Xiana Iglesias, para dar conta do trunfo da unión entre mulleres, e sobre a segunda falará o día 21 Xoana Pintos Barral, quen dará a coñecer a figura desta investigadora en loita contra os incendios.
No mes de abril a protagonista será Avelina Valladares cunha conferencia na Estrada a cargo de Aurora Marco, quen afondará na frustración de ser escritora na Galicia do século XIX. Xa en maio “Aquí Faltan Páxinas” viaxará ata Vigo da man da feminista e defensora da República Urania Mella sobre a que falarán Iria Presa e Raúl Solleiro Mella.
Pola súa banda no mes de xuño Pilar Cagiao afondará en Vilagarcía sobre a guerrilleira que loitou contra as ditaduras de Franco e Batista, María Araújo, e en xullo, no Castelo de Sobroso, María del Carmen Pallares falará sobre Urraca I de León, a raíña batalladora. En agosto, as madriñas de Redondela, esperanza dos presos de San Simón, serán protagonistas dun relatorio na propia illa a cargo de Eva Mejuto e de Carmen Lores Blanco, filla dunha madriña.
Xa en setembro a protagonista será Mercedes Ruibal, unha pintora alegre de trazos dramáticos, sobre a que falará Ángeles Ruibal e María Luisa Sobrino, e en outubro chega a quenda da lírica co análise da figura de María Pardo Trapote, a soprano de Teis nos Estados Unidos, a cargo de Montserrat Capelán e Pilar de Saa, sobriña-neta da soprano. En novembro Mary Quintero, a fotógrafa cun estudo propio e unha ollada única, será protagonista, cunha conferencia en Vigo na que ela mesma será a encargada de dar a coñecer a súa traxectoria.
“Aquí Faltan Páxinas” pecharase en decembro en Ponte Caldelas, cunha conferencia centrada na figura de Placeres Castellanos, unha galega na resistencia francesa contra os nazis, sobre a que falará a súa neta Silvia Caldas.