O Auditorio do Parque Nacional das Illas Atlánticas (Edificio Cambón, rúa da Oliva, 3) acollerá este martes 2 de abril (19:00 horas) unha proxección do filme Os espazos en branco. A peza será presentada co seu director, Bruno Arias, despois de recoller o sábado pasado o Mestre Mateo ao mellor documental. Este evento está inscrito no ciclo de cinema «A lingua galega no cinema», promovido pola Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo.
A longamentraxe, producida por Serea Films, pregúntase como as persoas que nos inspiran axudan a construír as nosas personalidades, intereses e ambicións. Faino a través da figura de Xela Arias, a tía do director, que faleceu cando este tiña só 5 anos.
A película foi feita por un equipo de xente nova que comezou a traballar no proxecto en 2020. Co premio Mestre Mateo, a Academia contribúe ao recoñecemento dunha nova vaga de cineastas que buscan acomodo no sector audiovisual.