Redondela comeza oficialmente a temporada turística coa apertura da súa Oficina de Información, na rúa Isidoro Queimaliños, e do centro de interpretación da Batalla de Rande, o Meirande.
A concelleira responsable do departamento, Rita Pérez Táboas, explica que a Oficina de Turismo está aberta de luns a sábado, en horario de 11:00 a 14:30, e polas tardes de 16:00 a 19:00 horas. En canto ao museo Meirande o horario de atención ao público é de martes a domingo, en horario de 11:00 a 14:00 horas e polas tardes de 15:30 a 19:00 horas.
A chegada do bo tempo e a proximidade de eventos como a festa do Choco, o Festival Internacional de Títeres e a festa da Coca, que se celebran no vindeiro mes de maio leva ao Concello a abrir ao público estas instalacións.
“Son moitos os peregrinos que nos visitan xa na primavera, e no mes de maio temos unha afluencia masiva de público a Redondela coa celebración das diferentes festas. Coa apertura da Oficia de Turismo poderemos brindar información de interese para toda esa xente que nos visita, e ofrecémoslle tamén a oportunidade de coñecer o museo Meirande”.
Coa chegada do mes de maio retomaranse as visitas guiadas “A vila pola tardiña”, que serán os luns, e nas que se dá a coñecer o patrimonio histórico, cultural e arquitectónico da vila de Redondela.
Por outra banda tamén en maio comezará a funcionar o tren turístico, que conecta a diario o centro da vila coa praia de Cesantes.