O Concello de Nigrán ofrece este domingo 28 de abril a partir das 12:30 horas no muíño de Porto do Molle o espectáculo ‘O ser e o nervio’. Este traballo de Ramón e Branca Trigo explora a memoria, o tránsito e a potencialidade da ruína mediante o recitado, a música e a creación en vivo dun cadro de gran formato. A entrada é de balde ata completar o aforo.
Branca Trigo codirixe a editorial de poesía Malafera e organiza xunto con outres poetas o micro aberto Cerimonia de gaivotas. Publicou os libros Coñecemento do Medo (2021) e Condolore (2022) ademais de participar en diversos volumes colectivos.
Ramón Trigo é un pintor, escultor, autor de cómic e ilustrador. A súa obra foi exposta en Galicia, e distintas cidades de España, Portugal, Bélxica, Holanda, Lituania, Alemaña, Italia e Nixeria. Como ilustrador publicou numerosos libros e recibiu premios coma o Isaac Díaz Pardo e o Premio Nacional Lazarillo por Leviatán; o Premio Ciudad de Alicante por Casa vacía ou o Premio Cabildo Gran Canaria por Yo vivía en el fin del mundo.