O Concello de Salceda de Caselas renovará o pavimento do seu pavillón de deportes, substituíndo o actual cemento pulido por unha superficie de tarima de madeira de haia.
Trátase dunha instalación dos anos 90 na que hoxe en día, coas novas normativas, se fai precisa unha actuación para a instalación dun pavimento que garanta a seguridade e o confort das persoas usuarias.
Neste caso o equipo redactor do proxecto aposta pola colocación dun pavimento deportivo areaelástico de tarima de madeira de haia, especialmente apto para a práctica dos principais deportes que se veñen practicando no pavillón de Salceda: fútbol sala, baloncesto, balonmán, badminton e patinaxe.
A reforma supón un investimento de 88.103,60 € que o Concello ten xa solicitado ao abeiro do Plan Máis Provincia 2024. A obra conta con un prazo de execución de dous meses, polo que se tentaría executala durante as vacacións do verán para que a instalación puidese estar dispoñible para a nova tempada. O Concello agarda polo tanto que a Deputación de Pontevedra aprobe canto antes o proxecto para poder comezar co procedemento de licitación canto antes.
O equipo de goberno decidiu apostar por este proxecto tendo en conta que son máis de 500 persoas de tódalas idades as que empregan diariamente o pavillón municipal a través dos diferentes clubes, ás que hai que sumarlles os case 500 nenos e nenas do CEP Altamira que fan uso das instalacións en horario escolar. O obxectivo principal é o de garantir a seguridade e minimizar en todo o posible os riscos que se poidan producir por caídas nas pistas.
«Centos de persoas de tódalas idades se van beneficiar deste investimento. O cambio do chan do pavillón municipal foi un compromiso adquirido en campaña cos diferentes clubes deportivos ao que agora damos cumprimento. Esta importante obra súmase ao cambio de cuberta realizado no principio deste mandato por importe de 47.857,33 €. A nosa aposta polo deporte é clara, e seguiremos traballando para Salceda de Caselas conte coas mellores instalacións”, sinalou Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda.
“Esta obra atende a unha necesidade reclamada dende hai anos polos colectivos deportivos e suporá unha mellora na calidade da práctica do deporte e na prevención de lesións. As cifras de deportistas nas categorías base en Salceda de Caselas goza de moi boa saúde, sendo das máis exitosos da contorna, polo que é primordial esta mellora nas instalacións para que os nosos clubes poidan dar un salto de calidade”, engadiu Marcos Troncoso, concelleiro de Deportes.