A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, visitou as instalacións do Campo do Vao na última xornada de adestramentos da tempada do Coruxo FC.
Sánchez recordou que a institución provincial destina neste período 120.000 euros ao club co obxectivo de «garantir un respaldo económico para axudalo a afrontar os gastos de participación nunha liga de tanta esixencia como é a Segunda División da Real Federación Española de Fútbol, na que ten conseguido manterse». Ademais, amosou optimismo ante «unha nova tempada que, de seguro, traerá moitos máis éxitos».
Luisa Sánchez subliñou a «aposta prioritaria» do Goberno provincial polo deporte, con investimentos millonarios para «potenciar o deporte, a base, pero tamén para modernizar as infraestruturas deportivas de toda a provincia, así como para converter a este espazo no escenario das probas deportivas máis importantes do mundo».
Ademais, recordou que se acaban de aprobar as axudas, por valor de 500.000 €, 200.000 € máis que o que aportaba o anterior Goberno provincial, para os clubs deportivos da provincia, «o que demostra que a nosa aposta polo deporte non é de palabra, senón de feitos».