O filme ‘As Neves’, primeira película da directora e guionista Sonia Méndez, estréase este venres en 24 cinemas, un número de salas que irá aumentando a partir da vindeira semana.
Rodada en galego, e na Fonsagrada, ‘As Neves’ aborda cunha mirada íntima o contraste da hiperconexión e o illamento que viven os adolescentes dunha vila de montaña.
O filme está protagonizado por Andrea Varela e David Rodríguez Fernández (‘Live is life’), ao que se suman novos talentos galegos que debutan na película como Antía Mariño, Xacobe Bruña e Irene Rodríguez, coa colaboración especial de Lucía Veiga (‘Rapa’, ‘El desorden que dejas’).
«As Neves é unha película de xente boa facendo cousas malas sen querer», afirma sobre a súa primeira obra de ficción Sonia Méndez, directora viguesa que no 2020 realizou o documental ‘A poeta analfabeta’, que retrata a vida da poeta e feminista Luz Fandiño, recentemente falecida.
O filme, que este ano participou no Festival de Málaga, estréase a partir deste venres na carteleira galega de Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Lugo, Ourense, Ferrol, Narón, Carballo, Caldas, Vilagarcía e A Estrada. Tamén poderá verse en Madrid, Valencia, Leganés, Cádiz e Avilés.
A directora, Sonia Méndez, e a actriz Andrea Varela participarán en coloquios en Vigo, na Estrada, Ferrol e en Santiago de Compostela.
En Vigo, este venres pola tarde no Cine Premium Yelmo Vialia, estarán directora e guionista viguesa Sonia Méndez, xunto coas actrices e actores Andrea Fernández Varela, de Foz; David Rodríguez Fernández, de Monforte; Antía Mariño, de Vigo; Irene Rodríguez, de Pontevedra e Diego Caro, de O Porriño; que participarán na presentación e no coloquio posterior.
Sinopse
As Neves é unha vila galega de montaña onde todos se coñecen. A noite de carnaval, un grupo de adolescentes celebra unha festa e dróganse con cogomelos por primeira vez. Ao día seguinte, espertan cun temporal de neve e a noticia de que Paula, unha das rapazas da festa, desapareceu. Mentres tanto, a vila queda incomunicada e cae internet. Cada vez é máis urxente atopala. Iníciase unha investigación que causará un profundo cambio nas súas vidas e na súa relación co mundo.
A banda sonora de ‘As Neves’ está composta polo músico británico Andy Bell, actual membro da banda inglesa Ride (anteriormente Oasis, Hurricane e Beady Eye), quen se estrea na composición de longametraxes con este filme.
‘As Neves’ é unha produción de Aquí y Allí Films e Cósmica Producións, coa participación de RTVE, CRTVG e CREA SGR, a colaboración de HBO, a financiación do Goberno de España (ICAA), a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia e o Instituto de Crédito Oficial, que chegará ás salas o día 10 de maio da man de Sideral.