O obradoiro galego de tornería de madeira de Aitor Martínez, Aitor (Tomiño), pertencente a Artesanía de Galicia, resultou galardoado na III edición dos Premios Maestro Artesano impulsados polo Círculo Fortuny.
Aitor Martínez recibiu onte en Madrid o Premio Joven Promesa, en recoñecemento ao seu talento e que lle permitirá recibir un asesoramento por parte dun equipo de mentores durante seis meses.
Aitor Martinez comezou a súa formación como carpinteiro moi novo e dedícouse primeiro á elaboración de interiores de barcos e despois á elaboración de xoguetes artesanais.
Nos últimos anos, a raíz da súa aposta pola formación con profesionais especializados en tornería, dedicou o seu traballo artesanal á elaboración de pezas de madeira torneadas e chegou a formarse na prestixiosa escola Escoulen de Francia, na que só admiten sete alumnos por curso.
O traballo de Aitor está enfocado ao ámbito da decoración e da creación de ambientes e nel recoñécense os trazos dos grandes referentes do sector e, sobre todo, destaca a paixón que soubo trasladar cara á elaboración de pezas máis contemporáneas. Aitor Martínez, pertencente á marca Artesanía de Galicia, desde o ano 2022, resultou tamén finalista do Premio Emprendemento nos Premios Nacionais de Artesanía 2022.
O Círculo Fortuny é unha asociación española de marcas e institucións de excelencia que promove como unha das súas prioridades reforzar o valor do talento e do seu potencial como palanca para o desenvolvemento económico e social. Dende o ano 2022 convoca os Premios Maestro Artesano, co obxectivo de apostar pola sustentabilidade da artesanía e dos seus oficios e de traballar polo seu recoñcemento, promoción, apoio e viabilidade como negocio.
Estes premios contan con tres categorías: Xove Promesa, Mellor traxectoria e Mellor artesán de vangarda e buscan premiar as persoas ou proxectos que representen a produción artesá dun produto da máis alta calidade, experiencia demostrada nun oficio e que sirvan de inspiración a novos talentos.
Na edición do ano pasado,resultou galardoado o artesán Álvaro M. Leiro (Pazos de Borbén) como Mellor artesán de Vangarda. Leiro é experto en cestería tradicional e na súa aplicación á liguaxe contemporánea que colabora dende o ano 2016 coa marca Loewe, e que en decembro do ano pasado foi recoñecido co Premio Nacional de Artesanía 2023.