A cadea galega de supermercados Gadis súmase, un ano máis, á celebración do Día das Letras Galegas. Unha data que, como apuntan desde a marca, aproveita para «achegar as nosas letras a miles de fogares en Galicia».
Así, neste 2024 volve apostar por un formato orixinal co caderno de actividades “Flores e letras”, unha publicación para «emprender unha viaxe ao pasado da literatura galega e coñecer curiosidades dos autores e publicacións máis universais. Do pasado ao presente transitando por versos e textos a través de pasatempos, enigmas e xogos que tamén levarán ao lector a descubrir a autores desta época», explican nun comunicado remitido aos medios de comunicación.
Cun deseño moi visual e rompedor, “Flores e Letras” atrapa polo seu xeito innovador de poñer en valor a literatura galega. Ademais, trátase dun caderno «moi ameno» para nenos, mozos e adultos, que atoparán no seu interior un recordatorio da figura de Luísa Villalta, a autora elixida pola Real Academia Galega para render homenaxe nesta edición das Letras Galegas.
Entrega nos supermercados o 16 de maio
Así, a cadea repartirá máis de 30.000 exemplares do caderno “Flores e Letras” aos clientes que realicen unha compra por calquera importe o vindeiro xoves 16 de maio, ata esgotar existencias e en todos os supermercados de Galicia. Tamén existe a posibilidade de descargalo en formato PDF na web a partir do 15 de maio.
“Flores e Letras” é así o fío condutor de tódalas accións que a empresa levará a cabo con motivo desta conmemoración. Na mesma xornada agasallará aos seus clientes con máis de 30.000 marcapáxinas, para achegarse aos máis mozos, e tamén entregará máis de 30.000 bolsas de papel reciclado dando conta da celebración.
Ademais destas iniciativas, que Gadis pon en marcha para asomarnos á lingua galega como elemento de identidade común, en vindeiras datas terá lugar unha acción especial en A Coruña, cidade natal da homenaxeada deste ano.
Sempre coa cultura de Galicia
A empresa de distribución 100% galega apoia a cultura desta terra nas súas diferentes manifestacións ao longo de todo o ano, reforzando este apoio con motivo do Día das Letras Galegas. Nas últimas edicións sorprendeu con iniciativas máis innovadoras, como “Versos na rúa”, con citas literarias nos pasos de peóns; potenciou o talento de 15 novas voces da poesía galega recolléndoas nunha publicación, e editou o fanzine “Tirabeque”.
Nestas máis de dúas décadas coa cultura galega, editou máis de 360.000 exemplares de libros para impulsar a traxectoria de novos autores e tamén doutros máis recoñecidos.