O Bloque Nacionalista Galego pide reforzar o persoal e ampliar os horarios dos museos de Vigo para rematar coa «precaria situación» na que se encontran. Co gallo do Día Internacional dos Museos, a fronte nacionalista lamenta a ausencia dun proxecto museístico e cultural na cidade por causa da «falla de ambición e o desleixo» do Goberno de Abel Caballero.
«Cunha dotación de edificios dedicados a museos que poderían constituír unha auténtica rede municipal, é lamentable que teñan este funcionamento totalmente precarizado», denunciou a concelleira do BNG de Vigo, Ana Martínez, quen tachou de «ridículos» os actuais horarios considerando que tanto a dotación de persoal como o mantemento das instalacións son insuficientes para facilitar que a cidadanía visite as súas coleccións.
Nese sentido, criticou que o Museo Quiñones de León, «a xoia da nosa cidade», só abra ao público 4 horas ao día de luns a venres e tan só 3 horas durante a fin de semana. Un museo cuxo padroado leva anos sen reunirse malia ser o organismo rector. Do mesmo xeito coa Pinacoteca ou a Casa Galega da Cultura, ambas en pleno corazón da cidade, tan só abertas 3 horas en días laborábeis, 5 os sábados e 2 horas os domingos.
Dende o Bloque cuestionaron tamén a decisión do Goberno municipal de manter o Arquivo Pacheco «confinado e invisibilizado» e lamentaron que «deixase morrer» o proxecto de Museo Galego da Fotografía. «Todo isto nun concello co orzamento máis alto da súa historia e que deixa todos os anos sen gastar arredor de 150 millóns de euros que é incapaz de dotar de persoal os seus museos», afeou Martínez.
«O Goberno non ten proxecto cultural»
A concelleira nacionalista lamentou así a «ausencia dun proxecto museístico e dun proxecto cultural para a cidade» por parte do Goberno local, que mantén os museos funcionado de forma inconexa, sen ningún plan de promoción e difusión nin tampouco un programa de formación dirixido aos centros de ensino de Vigo. «É habitual que os rapaces e as rapazas de Vigo coñezan antes os museos da Coruña, que organizan visitas escolares, que os da súa propia cidade», salientou.
Por estes motivos, dende o BNG chamaron o Goberno municipal a ter máis «ambición» para que a rede de museos sexa tamén «motor de creación». Martínez propuxo que se destinen como espazos para residencias artísticas e premios que fomenten as vocacións creadoras e atraian artistas da nosa contorna. «Auténticas fábricas culturais, garantes do dereito á cultura artística da nosa veciñanza», defendeu.