Este sábado 25 de maio (12:00 horas), a asociación Évame Oroza organiza o roteiro Carlos Oroza, un percorrido guiado polos espazos do Casco Vello Alto de Vigo que tanto gustaban e inspiraban a Carlos, e que finalizará no local de Évame Oroza.
«Maio é un mes moi especial para a asociación Évame Oroza, xa que é cando se conmemora o aniversario do nacemento do xenial poeta oral, así que estamos a celebralo como se merece», subliñan dende a asociación.
Así, comezaron o mes cun recital o día 13, coincidindo co día do 101 cumpreanos de Carlos, e continúan este venres 24 coa presentación dos libros premiados na primeira edición do Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza.
A entidade pecha a súa programación de maio con este roteiro, que terá como punto de saída a rúa que está na parte de atrás do Museo Marco, onde estaba ubicada a cafetería Detras do Marco, na que Carlos pasou moitas horas dos seus últimos anos.
Neste punto falará o presidente da asociación Évame Oroza, Xabier Romero.
Continuará a marcha por Príncipe, ata chegar a rúa de Carlos Oroza, onde será Antón Beiras, vicepresidente de Évame Oroza, o que tomará a palabra.
O roteiro seguirá avanzando ata a rúa Elduayen, para facer unha parada e escoita recitar a Franchesca d´A Silva. E tras desfrutar da poesía de Oroza, seguirá avanzando ata o Paseo de Alfonso, outro dos puntos favoritos de Carlos, onde será Antón Patiño, un dos socios fundadores da entidade, e que tomará a palabra.
Xa só quedarán dúas paradas máis. A primeira será na editorial Elvira, un punto obrigado, xa que foi aquí onde se publicou toda a súa obra, a pesar de que Carlos non era moi amante do papel. Na editorial, será a quenda de Arantxa Amatriaín, representante da editorial e socia fundadora.
Tras este fermoso percorrido, a marcha rematará no local de Évame Oroza (Praza do Abanico) onde terá lugar unha lectura de poemas.