A Deputación de Pontevedra pon en marcha este sábado o novo programa “+Convivencia”, coas primeiras saídas de entidades de Vigo e Pontevedra.
Neste caso serán un grupo de 93 persoas da ANPA do CEP Dr. Fleming de Vigo que visitará Vigonature, o antigo zoo da cidade olívica, e outro de 35 persoas da Asociación Down Pontevedra “Xuntos”, que será recibido pola deputada de Benestar Social Sandra Bastos á súa chegada ao porto de Vigo para tomar o barco cara a Illa de San Simón.
“+Convivencia”, dotado con 220.000 euros, ten por obxectivo que entidades sen fins de lucro da provincia compartan experiencias e creen espazos de participación ao tempo que coñecen o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra.
O programa provincial oferta un amplo catálogo de actividades de todo tipo: relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, a relixiosa, a popular, cos faros, co Camiño de Santiago ou cos museos.
Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia e o prazo para solicitar as actividades, que deberán realizarse antes do 15 de decembro, permanecerá aberto ata o 1 de decembro.
Como novidade, o Goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata 1.000 euros para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local.
Deste xeito rómpese co que acontecía ata o de agora, pois eran grandes grupos de viaxes, moi afastados das asociacións que organizaban as actividades, os que se facían coas ofertas.
Voando nas Rías Baixas
Por outro lado, a Deputación de Pontevedra leva este domingo ata A Lama, Fornelos de Montes e Covelo o programa provincial “Voando nas Rías Baixas”.
A cuarta ruta ornitolóxica, que organiza o organismo da man de SEO/BirdLife e que esgotou nunhas horas a totalidade de prazas ofertadas, permitirá observas as aves que habitan na Serra do Suído.
A Serra do Suído é un sistema montañoso da provincia de Pontevedra de alto valor ecolóxico, famoso pola presenza do lobo ibérico e das aves rapaces. Caracterizase polos altiplanos, nos que abundan os pastizais e o monte baixo de breixos, toxos e carqueixas, mentres que, na súa parte baixa, conta con vales e cursos de auga que discorren entre bosques autóctonos ben conservados.
Na primavera o no verán os seus espazos acollen grandes aves rapaces, como o voitre leonado, a aguia calzada, o miñato abelleiro, a aguia cobreira ou o miñato. Sobre as pendentes do monte baixo campan a tartaraña cincenta e a gatafornela.
Tamén é territorio do lagarteiro común e do falcón peregrino, e non faltan o picanzo vermello, a perdiz, o tordo charlo, a laverca e demais paxariños propios destes hábitats.
O percorrido de “Voando nas Rías Baixas” será guiado por persoal experto en ornitoloxía de SEO/BirdLife e inclúe un autobús tanto para o desprazamento como para a visita da zona na que ten lugar a actividade.
Ademais dos tres percorridos xa realizados este ano e deste cuarto pola Lama, Fornelos de Montes e Covelo, o programa “Voando nas Rías Baixas” contempla outras tres rutas ornitolóxicas por diferentes espazos da provincia de alto valor ecolóxico ou protexidos pola Rede Natura 2000: en xuño na praia da Lanzada (O Grove), en setembro nas lagoas de Rouxique (Sanxenxo) e en novembro no esteiro do río Miño (A Guarda).
Actividades de dinamización lingüística
A Deputación de Pontevedra ten aberto ata o vindeiro luns, 27 de maio, o prazo para que concellos de menos de 50.000 habitantes e entidades culturais sen fins de lucro da provincia poidan solicitar axudas para actividades de dinamización da lingua galega.
Trátanse de dúas liñas de axudas por concorrencia competitiva cun crédito total de 300.000 euros, 150.000 para cada unha delas. A Deputación financiará ata o 75% do orzamento dos proxectos presentados polos concellos e entidades culturais e, neste último caso, non poderá superar os 3.500 euros.
O obxectivo destas axudas é promover, fomentar e difundir actividades encamiñadas á dinamización da lingua galega co fin de potenciar o seu uso no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores de importancia que teñan repercusión social que se desenvolvan durante o ano 2024.
Para optar ás axudas, tanto os concellos como as entidades culturais sen fins de lucro, deberán achegar xunto á solicitude unha memoria explicativa dunha actividade concreta.
No marco destas axudas, poden subvencionarse proxectos para o fomento do uso e prestixio da lingua galega, programas de normalización e dinamización lingüística, proxectos de sociolingüística e toponimia, recoñecementos e distincións ou de fomento do emprego do idioma galego a través de actividades de captación de neofalantes, iniciativas de fomento do emprego do galego no comercio e na industria, xornadas, estudos e publicacións sobre lingua, campañas de dinamización, feiras e eventos que promovan a creación en lingua galega ou, entre outras iniciativas, certames literarios.
Presentación do Plan de Infraestruturas Deportivas do Salnés
Por outra banda, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, amosou a súa satisfacción polos froitos que está a dar a aplicación do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas no territorio.
Despois de presentar hai unha semana os proxectos da zona do Deza e Tabeirós-Terra de Montes, o mandatario provincial informou este xoves no Grove dos proxectos que se executarán nos concellos das comarcas do Salnés e Caldas e que supoñen un investimento de case 2 millóns de euros da Deputación en 17 concellos.
O acto, ao que asistiron alcaldes e concelleiros de todos os concellos destas comarcas, tivo lugar no pavillón do colexio Conmeniño do Grove, unha infraestrutura que será renovada ao 100 % con fondos da Deputación correspondentes ao Plan de Infraestruturas Deportivas, 74.000 euros; e do +Provincia, cunha subvención de 241.000 euros que será aprobada este venres pola Xunta de Goberno da Deputación.
Pola súa banda, a vicepresidenta Luisa Sánchez, que se encargou de abrir este acto de presentación dos proxectos, explicou os obxectivos deste plan provincia. “Os grandes investimentos que imos impulsar nas comarcas do Salnés e de Caldas transformarán como nunca antes se fixera as infraestruturas deportivas municipais desta terra. Esta transformación será e xa está sendo posible grazas ao Plan de Infraestruturas Deportivas da Deputación, dotado con 4 millóns de euros. Un amplísimo programa para construír novas instalacións, mellorar as existentes, adquirir terreos para uso deportivo ou mercar materiais e equipamentos para modernizar estes espazos”, detallou Sánchez.
Antes de definir polo miúdo os proxectos aprobados en cada un dos concellos, o titular do goberno provincial puntualizou que, grazas a este plan, investirase máis do 25 % do orzamento deste plan nas comarcas do Salnés e Caldas.
A primeira recibirá un total de 727.000 euros a repartir entre os municipios de O Grove, Cambados, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.
Mentres que á segunda correspóndenlle 345.000 euros, que chegarán aos concellos de Caldas de Reis, Barro, Catoira, Cuntis, Moraña, Pontecesures, Valga e Portas. “Se a esa contía agregamos as achegas do +Provincia, que tamén financian algúns proxectos, o resultado é que a Deputación inxecta case dous millóns de euros, 1,94 millóns, concretamente”, engadiu López.
O Concello máis beneficiado por este plan provincial é o de Vilagarcía de Arousa, que recibirá un total de 206.000 euros para financiar o 100 % de tres proxectos: A renovación do céspede artificial de Berdón (176.300€), a instalación dun videomarcador na Lomba (22.000€) e o subministro de 540 butacas para o pavillón de Fontecarmoa (7.800€). Nesta comarca do Salnés, Sanxenxo recibirá 108.000 euros para o acondicionamento do campo de fútbol de Noalla; Meaño, 46.400 euros para realizar obras na piscina de Dena; A Illa de Arousa, 44.400 euros para mellorar a iluminación no campo de fútbol de Testos e adquirir material para o pavillón municipal; Meis, 43.700 euros para acondicionar os vestiarios do campo de fútbol da Armenteira; e Ribadumia, 46.000 euros para axudar a renovar o céspede artificial da Bouza.
Na comarca de Caldas, a Deputación achega 68.000 euros para mellorar as gradas e a iluminación do campo de fútbol das Corticeiras, en Caldas de Reis; así como 38.000 euros para apoiar a substitución da cuberta do pavillón polideportivo de Barro, ou 43.000 euros para a mellora da accesibilidade do pavillón de Cuntis, 35.500€ para reformar os vestiarios do pavillón de Pontecesures, 34.400 euros para reparar a pista do pavillón da Rapeira de Portas e 48.700€ para acondicionar a pista polideportiva interior do pavillón de Baño en Valga.
Vila de Cruces
Por outra banda, o presidente da Deputación adiantou este xoves ao alcalde de Vila de Cruces, Luis Taboada, a aprobación na Xunta de goberno do ente provincial deste venres de dúas subvencións de 194.500 e de 67.700 euros ao abeiro do programa +Provincia para a mellora, por un lado, da capa de rodaxe dos camiños de Beuvas e de Camballón; e, por outro, do espazo público da Travesía Vázquez Nº4.
Nun encontro de traballo que tivo lugar no despacho presidencial do Pazo Provincial, López e Taboada repasaron outros investimentos previstos pola Deputación neste Concello e abordaron asuntos de interese mutuo para as dúas administracións. “É outra mostra do que estamos a facer, que é escoitar os concellos, tender pontes e dar solucións as cuestións que formulan os alcaldes e alcaldesas, que son os que coñecen de primeira man todas as necesidades dos seus concellos”, sinalou López.