A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, asistiron á inauguración da nova biblioteca do Instituto IES Santa Irene de Vigo, que a través do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe) da Xunta de Galicia puido acometer obras de renovación e ampliación deste lugar.
Con esta actuación, o centro recupera unha parte do espazo da biblioteca que antes estaba dedicada a almacenaxe de arquivos e, agora, será empregada como sala de consultas e traballo. Esta nova zona complementa, así, ao outro gran espazo da biblioteca escolar onde se desenvolven as actividades de lectura. “A iniciativa ten un mérito especial ao tratarse dun centro histórico no corazón da cidade de Vigo”, sinalou Judith Fernández.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, a través do Plambe, leva investido na biblioteca escolar do IES Santa Irene máis de 28.000 euros. Un orzamento co que puido renovar o mobiliario e a tarima, ademais de adquirir material informático para dotar o espazo de novas tecnoloxías.
820 centros no Plambe
O Plambe ten como obxectivo mellorar estes espazos educativos que exercen “un papel fundamental na mellora das competencias académicas do alumnado e contribúen a reforzar a calidade do conxunto do sistema”, indicou a representante da Xunta. Coa mellora dos seus recursos búscase impulsar a comprensión lectora, o uso das bibliotecas como laboratorios creativos de aprendizaxe ou o estímulo do hábito lector entre toda a comunidade escolar.
Este curso, o Goberno galego repartiu un total de 1,5M€ entre 820 centros educativos, dos que 28 foron de nova incorporación. Grazas ao financiamento da Consellería, os novos centros actualizaron os seus fondos documentais, renovaron mobiliario e adquiriron novo equipamento.