O sábado pola tarde celebrouse na igrexa parroquial os 40 anos da Agrupación Coral Polifónica da Guarda. Pechouse deste xeito un ciclo de tres concertos para conmemorar este aniversario.
Cun público que encheou a igrexa, por alí pasaron parte das agrupacións musicais guardesas: Coral do club da terceira idade e pensionistas da Guarda, a Agrupación Musical da Guarda, Rondalla Antorcha e o Coro Cantábile.
Foi un concerto moi emotivo para a coral, pois a súa derradeira canción foi dirixida pola súa anterior directora durante máis de 20 anos, Marisilda, que se levou un forte aplauso por parte do público e un ramo de flores de parte dos seus compañeiros.
Ademais, cantouse o “Cumpleaños feliz” en honra ao 40 aniversario da coral. Para finalizar o concerto, todas as agrupacións participantes uníronse para interpretar tres cancións.
Ao finalizar as actuacións, o alcalde da Guarda, Roberto Carrero, outorgoulle ás agrupacións participantes un recordo.
O presidente da Agrupación Coral Polifónica da Guarda, José María Salcidos, tivo unhas palabras valorando estes 40 anos, recordando a quen a iniciou e mostrando a súa preocupación sobre o futuro das corais.
Unha preocupación que tamén comparte Jorge Fernández, presidente do Coro Cantábile. El exemplifica todo un percorrido nas corais desde a súa infancia ata o día de hoxe, mais asegura que agora estase perdendo. Non obstante, na nosa vila estase a organizar un novo coro infantil-xuvenil, impulsado por Avelino Ferreira.