Promover a empatía e a sensibilización sobre as discapacidades entre a rapazada, fomentar a igualdade resaltando os éxitos das mulleres deportistas con discapacidade e destacar a importancia do esforzo e da diversidade no deporte e na vida.
Ese é o obxectivo dunha nova edición de ‘Mulleres que inspiran’, un programa posto en marcha polo Concello do Rosal para continuar revolucionando mentes e camiñar cara a unha sociedade máis solidaria, igualitaria e empática achegando a infancia e mocidade mulleres referente.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou a importancia desta nova edición deste programa “non só para visibilizar o talento e a forza das mulleres con discapacidade, senón tamén para fomentar a empatía e o respecto entre a nosa infancia e mocidade. E sempre é un orgullo contar con mulleres que lles sirvan de exemplo de loita, talento e superación”.
A través desta iniciativa, os máis de 100 nenos e nenas participantes no campamento municipal e nos do Valinox Novás e da Agrupación Musical do Rosal recibiron a visita de Corina Alfonso Mañá, psicóloga, actriz e deportista galega con cegueira total de nacemento que actualmente traballa como Promotora de Braille ensinando a persoas adultas e empresas. Unha muller empoderada “cunha capacidade de superación incrible”, exemplo perfecto de que a discapacidade non é un impedimento para alcanzar metas.
Durante a charla, Corina Alfonso transmitiu unha mensaxe positiva e alentaroda e afondou na súa carreira deportiva, na súa formación académica, no seu traballo e na súa faceta como actriz de teatro e ensinou a nenos e nenas material para achegarlles o braille, como a boneca Braillina, xogos de mesa e a máquina Perkins, coa que se escriben os textos en braille.
Tras a conversa con Corina Alfonso, as actividades continuaron coa dinámica ‘Ponte nas súas deportivas’. Ademais de coñecer a dúas mulleres deportistas galegas paralímpicas que estarán nas Paraolimpiadas de París 2024, a atleta Desiree Vila e a triatleta Susana Rodríguez, a rapazada puido experimentar o fútbol e o atletismo para invidentes a través da simulación dunha discapacidade visual, con antifaces ou pelotas sonoras.
O programa Mulleres que inspiran continúa a ser unha iniciativa clave coa que o Concello do Rosal promove a igualdade e a diversidade entre rapazada e mocidade, mostrando exemplos reais de superación e éxito feminino en diferentes ámbitos da sociedade.