Na súa terceira edición, o concurso de vídeos Youtubers científicos premiou dous traballos de divulgación nos que as es os usuarios da canle poden achegarse de xeito ameno e sinxelo ao comportamento reprodutivo do peixe espiñento e á relación entre as bacterias, a fotosíntese e o mar. A iniciativa da Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo, enmarcada no plan anual Ciencia de ida e volta, coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología-Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, recoñeceu o traballo de Wendy Fernández, investigadora do Grupo de Ecoloxía Animal, Comportamento reprodutivo do peixe espiñento, co premio do público e Bacterias de Alberto Gutiérrez co galardón do xurado. Ambos os dous gañadores recollían nas últimas horas os seus galardóns, cadanseu kit de produtos de iniciación para vlogging, valorado en arredor de 400 euros, de mans da vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama.
O xurado do concurso, formado por persoas expertas en comunicación e ciencia, entre os que se atopaban o director do programa Efervescencia da Radio Galega e presidente da Asociación Galega de Comunicación Científica, Manuel Vicente, e o xornalista e editor no #DígochoEu e no concurso Tal semente, Gabriel Fuentes, destacaron a diversidade dos temas e estilos presentados ao concurso, así como “a capacidade de síntese dalgúns dos temas, a calidade visual doutros, a creatividade ou elección dun estilo animado para facilitar a comprensión e captar a atención”.
Boa execución e unha historia curiosa fronte a humor e autenticidade
Rematado o prazo de presentación das candidaturas, os vídeos recibidos subíronse á canle de YouTube da UCC+i onde o público foi o encargado de elixir cos seus gústame a proposta gañadora. Cun vídeo moi ben executado, con recursos gráficos ilustrativos e unha historia curiosa, a investigadora do grupo de Ecoloxía Animal Wendy Fernández sumou co seu Comportamento reprodutivo do peixe espiñento a maior cantidade de gústame e con eles o premio do público.
Pola súa banda o investigador, do CIM UVigo no momento de convocarse o concurso e agora da USC, Alberto Gutiérrez co vídeo Bacterias fíxose co premio do xurado, que destacou o uso do humor e autenticidade para achegar a relación entre a fotosíntese, o mar e as bacterias e espertar o interese do público sobre estas cuestións.
Formación en aspectos técnicos de pezas audiovisuais
Como en edicións anteriores, antes da convocatoria do concurso de vídeos de Youtubers científicos desenvolvéronse varias sesións formativas para persoal investigador da Universidade, nesta ocasión impartidas polo xornalista Gabriel Fuentes. Nas xornadas abordáronse aspectos técnicos como gravación, edición ou estratexias para identificar a audiencia e definir obxectivos, así como a adaptación da mensaxe ao público, a estruturación do fío narrativo ou a comunicación pensando no proceso e no resultado.