O exvirrei de México, o marqués de Branciforte, chega a Vigo no navío de guerra Monarca, que era perseguido de preto por varios corsarios ingleses. O barco trae cinco millóns de pesos para a coroa, máis outros dous con destino a particulares. Vén de Veracruz, sen escolta ningunha, e fixo a travesía en trinta e dous días, pese a ter que cambiar con frecuencia de rumbo por mor da persecución inimiga.
A nosa ría atopábase entón ben defendida, mercé ás dilixencias de Apodaca, a raíz das ameazas do comodoro Samuel Hood, que relatamos o 1 de xullo. Aquel intelixente e decidido militar conseguiu a autorización do goberno para artillar as rías baixas. En especial a Vigo, onde se instalaron varias baterías, enviándose desde Ferrol tres goletas construídas especialmente para a defensa da costa. Deste xeito, os corsarios e os navíos de guerra ingleses xa non se atreveron a entrar impunemente nestas augas. Pouco despois de sucedida a fanfurriñada do Celoso, puido entrar no noso porto con enteira seguridade unha reducida flota, que traía de América o marqués do Socorro, con prata amoedada nas cecas de ultramar e metais preciosos en bruto.
Namentres, os nosos propios corsarios, protexidos polo navío San Agustín e o bergantín Atocha, ao mando de D. Juan Ruiz de Apodaca, fixeron algunhas presas importantes, aínda que máis afortunados foron por este tempo os de Baiona. O Atlante, de D. José Colmenero, nave de dez canóns e seis pedreiros, con 20 tripulantes, apreixou un cruceiro entre o 1 de febreiro e o 7 de marzo de 1798, tres bergantíns e unha fragata inglesa; o Gavilán, entre novembro e xaneiro seguinte, capturou seis barcos inimigos, un deles con 10.000 fanegas de trigo e outro con 2.000 quintais de bacallau.
Os corsarios de Vigo Protectora, Rayo e Ventura fixeron en 1798 oito presas, unha delas consistente en 70.000 barrís de fariña e 5.000 fanegas de trigo. O Anima sola capturou outros tres barcos, con fardos e bacallau.
9 de agosto de 1798. Xosé María Álvarez Blázquez. «La Ciudad y los Días. Calendario Histórico de Vigo» (Editorial Monterrey, 1960).