Reúnense na illa da Toralla elementos destacados da vida local para tratar de infundir novo pulo ás obras do tendido dos tranvías eléctricos, comenzadas en 1907 e paralizadas a pouco de comezar. A reunión foi promovida polo propietario da illa, D. Martín Echegaray, e a ela asistiron ademais do promotor, D. Manuel Losada, D. Tomás Mirambell, D. Jaime Solá, D. Ángel Bernárdez Romero, D. Concepto López, D. Miguel Fernández Lema, D. Eugenio Arbones, D. Diego Lence, e os señores Lago, Puig, Zabaleta, Landín e Mella. A compañía belga concesionaria das obras e da explotación semella que se apoucou ante certas dificultades, principalmente financieiras, polo que nesta histórica reunión da Toralla os concorrentes acordaron adquirir os dereitos daquela, constituíndose unha sociedade por accións. As primeiras foron subscritas sobre a marcha polos reunidos- xa que de marchar se trataba- e os tranvías non tardarían en andar, até hoxe…
Non sabemos se naquela amigable xunta se ergueu algún testemuño escrito, datado alí mesmo, no gracioso recorte de terra viguesa que Deus quixo para gala dos nosos ollos nunha beira da ría. De ser así, o documento tivo que ser asinado sobre unha táboa encerada, co stilo romano de bronce desenterrado un día en Toralla e hoxe lonxe de nós, peza única – que saibamos- na arqueoloxía galega. Pois a illa de Toralla garda un poboado protohistórico, fortemente romanizado, cuxa explotación sistemática non se efectuou aínda. Algún día virá aquí un novo Axel Munthe, co seu férvido entusiasmo polo arcano do pretérito e porá ao descuberto o encanto dunha poboación esquecida coa súa muralla, o seu campo de cistas, as súas moradas circulares, a súa cerámica, o seu dote doméstico…
No entanto, Toralla permanece aí, case ao alcance da man, pero silenciosa e inalcanzable, incitando con suxestións tentadoras a nosa imponente curiosidade. É, no medio da ría, e todas as tardes, misteriosa e silente, como un anaco imposible do paraíso perdido. Nin sequera nos atrevemos xa a breve singradura de navegar até ela. Para que? Toralla, coa súa eufonía helénica e o seu agochado segredo, será acaso, para nós, como unha eterna incitación gozosa, que á alma convén rexeitar…
11 de agosto de 1911. Xosé María Álvarez Blázquez. «La Ciudad y los Días. Calendario Histórico de Vigo» (Editorial Monterrey, 1960).