As festas da cidade, que este ano revistiron excepcional brillantez, proseguen moi animadas con grande afluencia de forasteiros de todas as partes de Galicia. Do 9 ao 13 houbo as acostumadas verbenas- que entón tamén se chamaban veladas ao aire libre-, concertos musicais, paseos e algunhas veladas marítimas. Hoxe, véspera da Patroa, hai voadores e desfile da comparsa de xigantes e cabezudos (que é de supor flanqueada polos gozosos nenos e o parvo de vez abrindo a rúa).
Ás seis da tarde, solemnes vésperas na Colexiata. E ás oito da noite- porque entón anoitecía máis cedo- volverán as bandas de música á Alameda e ao Recheo para amenizaren outra grande velada con máis fogos de artificio, máis globos e máis iluminacións á veneciana. Non faltaban anís confeitado e o café cocido por segunda vez. Os refrescos eran de grosella e zarzaparrilla, especie de cola indíxena, máis refrescante e máis económica: a cadela o vaso.
No Teatro- Circo Tamberlick actúa a compañía de ópera deste célebre tenor, que no outono pasado inaugurou o espléndido coliseo, un dos mellores do seu tempo en Galicia. Foi esta, sen dúbida ningunha, a máis importante tempada de ópera que houbo en Vigo, xa que o programa incluía nada menos que vinte funcións de aboamento cun cartel excepcional de cantantes, encabezados por Enrique Tamberlick. Traía de prima donna á Rusell, de segundo tenor a Gnone, de barítono a Verdini, de soprano á Remondini, etc. Pode dicirse que o máis importante e famoso do corpus musical do xénero pasou naquela tempada polo escenario do Tamberlick. Despois da presentación da compañía con Lucía de Lammermoor, puxo ao día seguinte en escena Il Piluito, a obra forte do tenor titular coa cal fixera a súa presentación en Vigo o ano anterior; Tamberlick fixera unha creación persoalísima desta ópera, lucindo as súas magníficas facultades, especialmente no segundo acto, onde pronunciaba con brío inigualado e sublime frase Credo in Dio, que espertaba o delirante entusiasmo do público.
Sucesivamente, Vigo asistiu ás representacións de Rigoletto, La Africana, O Trobador (outro grande éxito de Tamberlick na Cavaletta Di quella pira); Dinorah, Un ballo in Maschera; Fauto, Lucrecia Borgia, Marina, Traviata, Aida (que tivo que repetirse), I Puritani, Hermani, La Sonámbula e Linda de Chamounix. O 28 de agosto celebrouse o beneficio de Tamberlick, cun programa selecto, de fragmentos escollidos no cal o famoso cantante asombrou unha vez máis á concorrencia con catro dos de peito. Os moitos amigos con que aquí contaba, obsequiáronno ao final da función con coroas e ramos de flores, un álbum, un luxoso estoxo e outros regalos. Tiña Tamberlick un grande cariño á nosa cidade polo xesto de dar nome ao flamante teatro que aínda perpetúa a súa memoria e non vacilou en aceptar a presidencia do xurado cualificador do concurso de orfeóns, patrocinado polo Recreo Artístico que tivo lugar ao comenzo destas festas de agosto.
Aínda prolongara a súa permanencia en Vigo a compañía de ópera, se non fose que adquirira compromisos na Coruña para actuar durante os magnos festexos que alí se celebraron con motivo da inauguración do ferrocarril coa asistencia dos Reis de España. O grande acontecemento tivo lugar o 1 de setembro e Tamberlick abandonounos, con pena de todos, o 29 de agosto. Os seus éxitos de Vigo repetíronse na capital coruñesa, que fervía por aqueles días de animación e entusiasmo.
Aquela memorable estancia de Tamberlick e as súas hostes en Vigo foi tema de conversación, reiterado ao longo de moitos anos por quen tiveron a fortuna de escoitalo.
14 de agosto de 1883.Xosé María Álvarez Blázquez.«La Ciudad y los Días. Calendario Histórico de Vigo» (Editorial Monterrey, 1960).