O notable debuxante asturiano Meléndez, que animou co seu áxil lapis as páxinas das principais revistas ilustradas da época, presencia este ano a romaría de San Roque, no Couto, e debuxa con alegre soltura un momento da corrida e danza «da regueifa» –ou fogaza–, unha das notas máis orixinais, desgraciadamente desaparecida, daquela singular romaría. San Roque de Vigo, no opulento escenario dunha carballeira antiga na señorial posesión dos condes de Villar de Fuentes, era unha das máis belas romaxes de Galicia, evocada sempre con emoción polos escritores vigueses e por algúns foráneos, que aquí viñeron, atraídos pola súa ben merecida fama. Poderiamos espigar unha pequena antoloxia, pero acaso valla máis reducirnos a estas expectativas liñas de D. Nicolás Taboada Leal: «Os concorrentes pasan o primeiro día observando as alegrías públicas, as varias rodas con danzas do país e pola noite asisten aos fogos de artificio. No segundo hai a función da igrexa, procesión, etc., e neste día o concurso da xente aldeá era inmenso. A abundancia de froitas, sandías, melóns e de ostras; as varias tendas de doces e licores, quincalla e praterías; a multitude de merendas e comidas de campo tendidas pola carballeira; o contraste de traxes e rostros descoñecidos; os tamborís, gaitas e danzas numerosas; a algazara e o balbordo que resoan en todas partes e, en fin, até as continuas pisadas e empurróns, ofrecen á vista do observador un conxunto babilónico e forman un cadro tan divertido e animado que pon en pracenteira actividade e movemento ao concorrente máis apático e melancólico».
Pero estean vostedes certos de que ningún melancólico enderezaba os seis pasos á festa porque, se alguén o soubese, San Roquiño bendito o curaría xa. A «regueifa», en forma de enorme rosca, corríase o día 17 por parellas de mozas e mozos, ataviados con pintoresco luxo e así é como os sorprendeu o fino lapis de Meléndez. A estampa foi publicada en La Ilustración gallega y asturiana e hoxe é xa, case, o só a triste lembranza que resta daquel baile, tan orixinal e tan vigués. Algunha cantiga de «regueifa» quedará, quizais, na lembranza das xentes da comarca. Por que non restaurar estes modos belos e sinxelos de se divertir? Postos a soñar, un soña mesmo cun «Ballet da regueifa de San Roque»…
16 de agosto de 1879. Xosé María Álvarez Blázquez. «La Ciudad y los Días. Calendario Histórico de Vigo» (Editorial Monterrey, 1960).