A Xunta vén de licitar as obras de rehabilitación dun edificio para crear 3 vivendas para alugueiro social no casco histórico de Tui.
O orzamento de licitación da obra ascende a preto de 692.000 euros.
En total, esta semana a Xunta licitou as obras para a rehabilitación dun total de catro inmobles que foron adquiridos a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), no marco do Programa Rexurbe por un importe de 633.359€. Agora, a licitación destas obras divídese en tres lotes distintos, un por municipio, e ademais das 14 vivendas habilitaranse nos edificios 3 locais.
O investimento total ascende a preto de 3,2 millóns de euros e as empresas teñen de prazo ata o 20 de setembro para presentar as súas ofertas.
Todas as vivendas rehabilitadas pasarán a formar parte do parque público de vivendas da Xunta e serán adxudicadas en réxime de alugueiro social recorrendo ás persoas inscritas no Rexistro de demandantes de vivenda de Galicia.
O primeiro lote corresponde ás obras de rehabilitación integral de dous edificios na cidade de Ourense. Un deles está situado na praza de Manuel Sueiro 3-esquina Liberdade 28, no casco histórico, e destinarase a 5 vivendas de promoción pública (unha delas adaptada), ademais de 5 rochos e 1 local. O orzamento de licitación ascende a 1,1 M€. O segundo inmoble sitúase na rúa Pelaio 9, tamén no casco histórico de Ourense, e destinarase a 1 vivenda de promoción pública. Consta de planta baixa, tres plantas e baixo-cuberta e o orzamento de licitación achégase aos 253.000 euros.
No concello de Ribadavia reformarase un edificio en esquina, situado no ámbito do casco histórico, concretamente na praza García Boente 1, para destinalo a 5 vivendas de promoción pública, 5 rochos e 1 local. O orzamento da licitación é de 1,1 M€.
E en Tui, na provincia de Pontevedra, licítanse as obras de rehabilitación integral dun inmoble na rúa Bispo Castañón 20, no casco histórico da vila, para dedicalo a 3 vivendas de promoción pública, 3 rochos e 1 local. O orzamento de licitación da obra ascende a preto de 692.000 euros.
Con este novo contrato o Goberno galego, ademais de incrementar o parque de vivenda de promoción pública na comunidade autónoma, segue a traballar mediante a rehabilitación e a promoción en cascos históricos, na rexeneración destas entornas e a fixación de poboación nas mesmas.