A Deputación de Pontevedra avanza na posta en marcha das obras para mellorar a mobilidade peonil na EP-1002 A Magdalena Aldán, en Cangas, coa aprobación do convenio de colaboración co Concello. O proxecto ten un orzamento de 1,3 millóns de euros, dos que a Deputación aporta o 80% (algo máis dun millón de euros) e o Concello o 20% restante, preto de 300.000 €.
Este convenio permitirá executar “unha obra moi demandada polos veciños da zona que nós comprometemos e concretamos coa máxima implicación”, segundo explicou o presidente provincial, Luis López, que lembrou que xa informou o pasado mes de xuño persoalmente á alcaldesa, Araceli Gestido, a remisión do convenio ao Concello “para dar o paso que estamos dando hoxe”.
Grazas a este proxecto melloraranse as condicións de seguridade e mobilidade para peóns e vehículos nun tramo de 850 metros desta estrada mediante a construción dunha senda peonil, a implantación de zonas de convivencia onde non é posible acabar ese largo mínimo e a mellora de varios servizos afectados pola execución das obras. “Seguimos así avanzando na transformación das estradas provinciais desta provincia para alongar a súa vida e garantir a seguridade”, asegurou López.