O Concello de Nigrán continúa este mércores 21 de agosto ás 22:00 horas o seu ciclo de ‘Cine no muíño’ coa proxección da película ‘+ Cuñados’ no exterior do muíño de Porto do Molle. Trátase dunha comedia dirixida por Luis Avilés con Touriñán ou Miguel de Lira entre os seus protagonistas.
Esta nova aventura dos cuñados arrinca coa aparición dun cadáver xusto no medio da ponte internacional de Tui. Este feito vén do ocorrido hai uns días… Chega o Entroido e a familia Ribeiro prepárase para gozar das festas favoritas de todo bo ourensán. Pasaron dous anos desde a detención de Alicia Zamora e o seu socio portugués. Os cuñados montaron un posto de polbo en Ourense, a maneira perfecta para branquear o diñeiro do motín que caeu do ceo (literalmente). Entre unha cousa e outra, Modesto converteuse nun cuñado máis da familia. A aparición en Ourense de Andreia Nunes (a parella do portugués detido) en busca de vinganza, complicará as cousas para os cuñados, meténdoos nun novo enredo que converterá este Entroido nun auténtico baile de máscaras.
Excursións en tren polo Douro
Este mércores, ademais, ábrese o prazo de inscrición para apuntarse ás excursións en tren polo Douro.
En concreto, unha delas será o 3 de setembro exclusivamente para maiores de 65 anos cun prezo de 33,70 € e outra o 7 de setembro só para menores de 65 anos cun prezo de 35,90 €.
A inscrición será no propio consistorio (Oficina de Información Cidadá) a partir das 9:00 horas para os maiores de 65 e das 15:00 horas para os menores.
En ambos casos as prazas distribuiranse por rigorosa orde, cun máximo de 2 inscritos por persoa, e terán prioridade os empadroados no Concello de Nigrán. O prezo inclúe autobús (sufragado desde o Concello) tren, almorzo e entrada ao museo Douro.
Ambas saídas serán desde Nigrán ás 7:30h dirección Pocinho para iniciar aí unha viaxe en tren pola icónica ruta do Douro, puidendo contemplar os viñedos e marxes do río ata a cidade de Peso de Régua. Alí será o almorzo, para pola tarde finalizar a saída cunha visita ao Museo do Douro.