Os Solpores da Rebullón chegan á súa fin este xoves, 29 de agosto, logo de media ducia de grupos que xa se subiron ao escenario do exterior do CSCD As Pedriñas. E faino por todo o alto, da man de Jay & The Smoking Machines.
A banda merecía actuar de novo en Tameiga, logo do gran sabor de boca que deixaron en marzo, cando telonearon aos estadounidenses Jason Kane & The Jive na sala Rebullón. Este xoves 29, ás 21 horas, o público terá a oportunidade de gozar dos de Redondela en solitario, ademais con billeteira inversa: acceso de balde e abono ao remate da cantidade que considere xusta.
Jay & the Smoking Machines (vídeos) é unha banda de tres partes, adicada o rock&roll en todas as súas vertentes, con ritmos exóticos, liñas de baixo con alma, guitarras bárbaras e un par de voces clamorosas. Neste momento, atópanse preparando o seu primeiro disco, cancións que presentarán este xoves nos Solpores.
A mellor maneira de definir o repertorio de Jay & Smoking Machines é como «un monstro de Frankestein afumado de riffs de guitarra chirriante e un irresistible beat de bateria». As cancións están construídas con partes de aquí e de alá dun pozo infinito como é a música blues. Ás veces oscura e crúa, as veces lixeiras e burbuxeantes, eles fan brillar o escenario cunha enerxía fascinante.
Jay & The Smoking Machines
Jay (Jeroen Mesker) é un cantante de blues de Amsterdam. Despois de 25 anos xogando na escena do rock&roll, decidiu que era a hora de preparar a maleta, comprar unha furgo vella e emprender a viaxe. Mentres divaga por Europa, Jay remata a viaxe en Galicia. É aquí onde atopa a Alberto López y Luí Perez. Cando eles engánchanse a tocar xuntos, encandílanse pola dinámica. Parece que levan tocando xuntos pola vida enteira. Entón decidiron formar unha banda con Redondela como base.
Coa súa enerxía e ritmo habituais, Jay & The Smoking Machines interpretarán o mellor do seu repertorio no CSCD As Pedriñas este xoves, 29 de agosto, desde ás 21 horas, con acceso con billeteira inversa. Última oportunidade para gozar dos Solpores da Rebullón, un festival organizado pola Comunidade de Montes de Tameiga e polo que, este verán, pasaron Jazz de Laranxa, Madmess, Pablo Vila y Los Tripulantes, Castro y Los Escoltas, Froján e Todas las Batallas Perdidas.
A Sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse en só seis anos nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia. Vén de alzarse co Premio Martín Códax da Música 2023 á mellor sala de concertos, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro que aglutina a máis de 400 familias comuneiras e xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal para conseguir beneficios medioambientais, sociais, enerxécticos e económicos para a súa veciñanza. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de costo. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con máis de 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os costes de producción e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a CMVMC de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do CSCD As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.