Comeza a súa publicación un novo diario vigués, El independiente, co cal son neste momento tres os diarios que se editan na cidade: Faro de Vigo, La Concordia e El Independiente. Subtitúlase este «Diario da mañá» e era o seu director don Pascual Ruíz Enríquez, sendo o propietario D. Ángel Varela Gómez. tiña a redacción e administración en Carral, número 5, baixo, ao instalarse o teléfono en Vigo, foille asignado o número 3.
Primitivamente, o seu tamaño de caixa era 28×44 centímetros, é dicir, en formato de grande folio prolongado, que se dividía en catro columnas. A cuarta páxina e boa parte da terceira estaban destinadas a anuncios, xa que El independiente, quizais a causa do seu propio apoliticismo foi xornal de grande difusión. Nun dos seus números lemos: «Se ao vir ao etado da prensa cometésemos a torpeza de afiar a nosa pluma a unha causa política calquera, cedendo a conviccións propias ou a iso que agora ceden, ao parecer, toda clase de intereses materiais, ou sexa ao. ben particular e as conveniencias, lamentaríamolo amargamente porque semella que os homes políticos, igualmente os que viven máis arriba que os que están máis abaixo, perderon toda noción do patriotismo, de cidadáns ilustrados, de funcionarios públicos posuídos dunha conciencia recta; tales son os espectáculos que diariamente ofrecen, unhas veces no seo dos municipios, das deputacións provinciais e até na Cámara popular, non defendendo, como sería xusto, os intereses materiais do país, senón actas e actos propios…». E continúa a diatriba que, en verdade, levanta ampolas.
O contido de El independiente era: unha primeira páxina de comentarios políticos («independentes», como é natural), ás veces de matiz económico, así nacionais como estranxeiros, con abondoso emprego da tesoira; unha sección local, a unha ou dúas columnas e un «telegrama» final, de Madrid, en grosos caracteres coas últimas noticias nacionais.
Cara ao ano VII da súa publicación ampliou o formato, que pasou a ser de 34×49 centímetros e a cinco columnas. O 12 de outubro do 1892, ao facer catro séculos do descubrimento de Améroca, publicou un número extraordinario sen anuncios nin noticias con colaboracións de Castelar, Luis A. Mestre, Vieira Durán, Bartrina e Ignacio García Sánchez. Enriquecían o número seis bos gravados.
Da súa densa sección de anuncios, recollemos o de Francisco Varela Fernández, prateiro e reloxeiro, que ofrece «bastóns a prezos sumamente módicos da flota española botada a pique en Rande no ano 1702». Estes bastóns, feitos con madeiras preciosas recuperadas esporadicamente das naves afundidas, fixéronse famosos e contribuiron, por algún tempo, unha lucrativa industria viguesa: a dos bastóns de Rande.
A comezos do século (1903) fíxose cargo da dirección de El Independiente, D. Jaime Solá, que adquiriu tamén a imprenta, trasladándoa á rúa de Velázquez Moreno, número 6. O xornal cambiou tamén o seu nome polo de Noticiero de Vigo, conservando o antigo, en agochado ángulo, o subtítulo de Diario independente. Non obstante, o cómputo de anos da publicación e a numeración do xornal foron sucesión ininterrompida do anterior. Solá introduciu no xornal notables modificacións: aumentou o tamaño a 40×56 centímetros de caixa, con sete columnas, deu cabida á publicidade na 1ª e 2ª columna da páxina inicial sen prexuizo de inserir anuncios na 3ª e 4ª planas; publicou varios folletíns literarios e achegou a novidade de ilustrar algunhas noticias con gravados, retratos de personaxes, monumentos, etc. Ampliou tamén as súas informacións e nomeou redactores a D. Blas Agra e D. José Fontán.
O Noticiero de Vigo deixou de se publicar no ano 1915.
17 de setembro de 1885. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).