A librería infantil ‘Libros para soñar’, ubicada no Casco Vello, adíantase ao Samaín cunha sesión de contacontos de medo humorísticos.
Segundo informan dende o centro, este venres, 25 de outubro, a partires das 18:00 horas, dará comezo o repertorio, que estará formado «por historias de medo mais cun ton lúdico e humorístico».
E será, por exemplo, con historias como “Sete monstros e un gato”, de Rafa Ordóñez e Christian Inaraja, protagonizada polos personaxes máis icónicos destas datas, coma son un vampiro, unha pantasma, un zombi ou unha bruxa, e que trazarán unha sucesión de desternillantes e sorprendentes enredos.
Este álbum forma parte do catálogo de Kalandraka, ao igual que “Os esqueletos divertidos”, un clásico da literatura infantil creado en 1980 por Janet e Allan Ahlberg, e traducido por Sandra e Óscar Senra: os esqueletos dun adulto, dun neno e dun can saen de paseo pola noite para divertirse e asustar á xente, «mais as súas trasnadas deveñen nunha divertida lea da que xorde unha coñecida canción», apuntan.
E dun clásico pasarase a un xogo contemporáneo de rimas protagonizadas por tétricos personaxes: “Un dous tres, vampiro ti es”, de Nadia Budde, que conta con vampiros, pantasmas, monstros e esqueletos, «canda unha serie de animais que, a primeira vista, resultan desagradables, perigosos ou asociados á mala sorte como arañas, serpes, tiburóns, crocodilos, gatos negros ou morcegos, pero que proxectan unha ollada tenra e burleira».
Tampouco faltarán títulos como “Unha pantasma con asma”, un enxeñoso texto rimado de Carmen Gil, ilustrado por Sarah Webster, que revela a receita infalibre para curar todos os males, incluídos os fantasmais.