A cidade estírase cara aos catro puntos cardinais, xa que mesmo comezou a expansión sobre os antigos feudos do mar. O concello tomou acordo na súa última sesión, feita hoxe pública, de encargar á comisión melloras o estudo dos medios económicos que poidan pórse en xogo para a erección dun templo parroquial en Santiago de Vigo, vista a solicitude que presentaron os veciños daquela barriada.
Ao mesmo tempo, o sr. Marqués de Valadares fixo a cesión gratuíta ao concello de todos os terreos da súa propiedade qeu sexan necesarios para a nova rúa lonxitudinal, de 15 metros de anchura, que se proxecta abrir partindo de Carral, perpendicular á do Ramal. Alí tiña o marqués unha extensa horta da cal tamén se ofrecía a ceder terreos a moi baixo prezo para a edificación do proxectado teatro. Xusto é que aquela fermosa arteria viguesa leve hoxe o nome do marqués de Valadares.
E, en fin, tamén con esa data se recibe en Vigo a noticia de que o Goberno designou ao enxeñeiro que tiña que dirixir as obras de apertura da nova rúa, chamada da Travesía (hoxe Calvo Sotelo). Hai tres cuartos de século, Vigo multiplicaba a toda présa o seu sistema arterial.
6 de novembro de 1881. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)