O Concello do Porriño contará nos próximos meses cunha nova zona verde de lecer no corazón do municipio, ubicada na céntrica Avenida de Galicia, unha das zonas máis transitadas do centro urbano.
Segundo informan dende o Concello, esta nova area, que ocupará unha parcela de máis de 1.600 metros cadrados está deseñada para proporcionar un espazo seguro e agradable de paseo dos cans, á vez que ofrece un lugar de esparcemento e lecer para a veciñanza.
O parque estará pechado perimetralmente, o que permitirá que os propietarios dos cans e, o máis importante, os canciños, poidan gozar dun espazo onde pasear e xogar de forma libre e sen correa, nun entorno adaptado ás súas necesidades e con toda a seguridade. Ademais, instalaranse mesas e bancos para poder relaxarse e disfrutar do aire libre.
No tocante á vexetación, plantarase unha arbleda que proporcinará sombra mellorando a calidade ambiental da área e facendo deste lugar un espazo confortable para persoas e animais, especialmente durante os meses máis calurosos.
Esta iniciativa responde a unha das liñas de traballo do executivo que preside Alejandro Lorenzo, que aposta pola creación de máis espazos públicos de calidade para disfrute da veciñanza. Nesta ocasión, ponse o foco nas moitas persoas que comparten a súa vida con cans no centro urbano, e que carecen de lugares axeitados para pasealos sen correa.
“Coa apertura deste novo parque non só queremos mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, senón que tamén queremos dar resposta a unha necesidade moi crecente no centro da vila, ao proporcionar un espazo seguro que reúna as condicións para que os cans poidan disfrutar do seu paseo diario de forma segura”, comenta o alcalde do Porriño, “Seguimos traballando na mellora dos nosos espazos públicos, con parques como este queremos facer do Porriño un lugar máis amable e inclusivo para todos e todas, incluidos os porriñeses de catro pata”.