Paco Amoedo, precursor do boxeo en Vigo e falecido o pasado mes de xuño, recibiu a súa merecida homenaxe na Gala do Deporte da Deputación de Pontevedra celebrada no IES Castelao de Vigo. Conducida pola vicepresidenta Luisa Sánchez e o humorista vigués Carlos Veleiro e cun desenvolvemento distinto ao habitual, máis participativo e ameno, a tradicional cita tivo un recordo especial para á figura deste deportista referente dentro e fóra do cuadrilátero.
Tras a proxección dun vídeo, o momento máis emotivo foi a entrega dun agasallo aos seus familiares e as palabras da súa filla. O acto comezou dando aos deportistas olímpicos da provincia o protagonismo que merecen cun vídeo recopilatorio das súas grandes xestas, un recoñecemento aos que participaron nos Xogos Olímpicos deste verán en París e un coloquio seis das grandes figuras olímpicas e paralímpicas da provincia.
Actuacións sen precedentes
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, pechou a gala salientando a “fronte de actuacións sen precedentes” en materia de deportes que o goberno provincial está a impulsar en todo o territorio, entre os que sobresaen investimentos en infraestruturas, coa da Grada de Gol de Balaídos por 13 millóns de euros encabezando un listado de máis de 150 actuacións en todos os concellos; o impulso á acollida de grandes eventos deportivos de ámbito nacional e internacional; o crecente apoio ao tecido deportivo da provincia; a recuperación de programas como a Copa Deputación ou a creación doutros como o +Talento Motor; ou o fomento da investigación coa Cátedra do Deporte coa Universidade de Vigo.
“Somos o goberno máis sensible, máis aberto e máis promotor do deporte de todos canto tivo a Deputación en case dous séculos de historia”, afirmou o mandatario provincial para pechar a Gala do Deporte, que se celebrou este venres no pavillón do IES Castelao de Vigo e na que participaron máis de 400 persoas ligadas estreitamente ao deporte pontevedrés, entre eles os olímpicos Teresa Portela, Esther Navarrete, Pablo Crespo, Araceli Manduíña, Juan Ferrón ou Juan Antonio Saavedra.
Resumo audiovisual
Despois da proxección dun resumo audiovisual das grandes competicións de tríatlon, vela, motociclismo, balonmán, fútbol ou ciclismo celebradas este ano no territorio pontevedrés, tivo lugar unha charla sobre os beneficios de organizar este tipo de eventos por parte da deputada de Turismo, Nava Castro, a ciclista Lorena Patiño, o director técnico do Náutico de Ribadumia, José Manuel Vázquez; ou o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López. Así mesmo, tamén houbo tempo para destacar o potencial das promesas do deporte pontevedrés con entrevistas a novos deportistas como o gañador do primeiro +Talento Motor da Deputación, Yago Martínez Diz; o lanzador Hugo Casañas ou a árbitra Iria Rosendo. Unha cerimonia que contou tamén con exhibicións de fútbol freestyle a cargo de Alejandro Portilla e de break, a cargo de Alicia Babarro e Jose Ángel Salazar.
- «Máximo apoio da Deputación»
Neste sentido, a vicepresidenta Luisa Sánchez fixo fincapé no enorme potencial que teñen os deportistas pontevedreses, que contan co máximo apoio da Deputación. “Este ano batemos o récord ao conceder unha bolsa a máis de 200 promesas da provincia”, subliñou a responsable de Deportes do goberno provincial, quen tamén salientou ao longo da gala o enorme talento dos olímpicos e deportistas de elite que levan o nome da provincia por todo o mundo.
O presidente da Deputación de Pontevedra, pola súa parte, explicou o motivo da celebración desta gala. “É un xeito de dicir admirámosvos e grazas”, resumiu Luis López poñendo en valor o labor dos deportistas olímpicos, de elite, dos amateur, dos de base, do adaptdo, do femino ou de lendas como Paco Ferreira; así mesmo recoñeceu o traballo de técnicos, adestradores, fisioterapeutas, directivos, federacións, empresas, administracións e, mención especial, para as familias.
Eventos deportivos
Ademais, entre o amplo abano de medidas en materia deportiva impulsada polo goberno provincial, sobresae un incremento do 15 %, ata os 6,4 millóns de euros, para o ano 2025 na partida destinada a área de Deportes, un reforzo do 51 % para atraer eventos deportivos de carácter internacional á provincia, como o paso de La Vuelta ou a final das World Series de Tríatlon; ou unha liña de apoio ao tecido deportivo para a adquisición de vehículos. Ademais, o goberno provincial incrementou tamén as axudas a deportistas de alto nivel, con récord de solicitudes, e achegou 900.000 euros para apoiar a actividade de 80 clubs da provincia.
Unha festa do deporte pontevedrés para reafirmar que a de Pontevedra é “a provincia do deporte”. Unha afirmación que o presidente da Deputación argumenta ao sinalar que “Pontevedra, con Vigo e todos os concellos, é un estadio deportivo ao aire libre os 365 días do ano; unha fonte inesgotable de talento deportivo; unha provincia que se esforza, que xoga en equipo, que sabe gañar e sabe remontar cando perde; e un paraíso natural, cultural, social e, en definitiva, un paraíso deportivo”, concluíu Luis López, quen tamén tivo palabras de agarimo para Paco Amoedo. “Foi un campión en demostrar e en ensinar”, rematou.