A sala Rosalía de Castro da sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acolleu este venres o acto de entrega dos premios do XI Certame de Relatos Vigo Histórico, organizado pola Editorial Elvira, coa colaboración da Fundación IgualArte e co patrocinio da Deputación Provincial de Pontevedra.
O relato Marisol e os depredadores, de Marcos López Concepción, é o gañador da undécima edición do Certame de Relatos Vigo Histórico, e nel se conta a historia dunha figura moi coñecida en Vigo a inicios de los 80: Marisol Paíno. Un traballo moi ben documentado e escrito de forma maxistral.
O segundo premio foi para Un hombre con dos historias, de Miguel Vázquez Vigo, un relato moi humano, triste, que encolle a alma e nos recorda o drama dunha enfermidade “terriblemente de moda” nos anos oitenta e que afectou en especial ao colectivo homosexual.
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou no acto e puxo en valor o «grande éxito de acollida e a gran calidade das propostas gañadoras», da autoría de Marcos López Concepción e Miguel Vázquez Vigo. «A nosa cultura está vivindo un momento singular con recoñecemento do público e da crítica: debemos protexer o sector cultural, unha maneira de colaborar cun sector produtivo que crea economía e á vez de protexer un legado histórico que nos define», sinalou a vicepresidenta.
Luisa Sánchez comprometeu o apoio da institución á Editorial Elvira para seguir consolidando o certame, e agradeceu ao seu persoal os once anos que leva «traballando para que esta cidade conte cun legado literario que a sitúa no centro da acción e nos permite ver a súa potencialidade a nivel artístico». A vicepresidenta lembrou o compromiso da Deputación coa cultura, «un dos departamentos que máis verán incrementado o seu orzamento en 2025 cun 14% máis de recursos e 5,4 millóns de euros».
O primeiro premio recibe 1.000 euros (dos que se deducirán automaticamente as retencións que estipula a lei), así como un lote de libros da Editorial Elvira, mentres que o segundo terá un premio en metálico de 500 euros (aos que se aplicarán as retencións correspondentes), máis o lote de libros. Ademais dos dous
primeiros premios, hai catro accésits que recibirán tamén un lote de libros e un premio de 200 euros (coas retencións correspondentes). Os accésits foron para Cine Club (Antón Beiras); El último gol de Maradona (Jorge Valín); La muerte del dragón rojo (Juan Carlos Gómez) e Días de lluvia (Sabela Barreiro).
Un ano máis, a tarefa máis complicada foi para o xurado do Certame, que está formado pola escritora Ledicia Costas; o pintor Antón Pulido; o editor Bieito Ledo; a escritora Clara do Roxo; o xornalista Jacobo Buceta; a filóloga e poeta Patricia Meira, o escritor Santiago Lopo; a escritora e actriz María Lado e a xornalista Noelia Otero Lago.
Ademais, neste evento, presentouse o undécimo volume do libro Relatos na rúa, no que aparecen, ademais dos relatos premiados, unha ampla selección das obras presentadas a esta edición do Certame e que foi realizada polo xurado.
Tamén contou coa actuación do grupo de danza de IgualArte, que ofreceu dúas pezas do seu espectáculo Emóvere. Hai que recordar que a Editorial Elvira colabora con esta Fundación, entregando un euro do prezo de cada libro vendido a esta institución.
A continuación, o listado dos premios e todos os relatos seleccionados desta undécima edición, que conformarán o libro Relatos na Rúa XI. A portada do libro foi realizada por Cynthia Alfonso, quen mostra a súa visión do Castro de Vigo, e as ilustracións do interior realizadas polo grupo Diseñatas de IgualArte tamén irán en torno ao emblemático monte da nosa cidade. Ademais hai que destacar que a portada irá impresa sobre papel floral, con sementes, flores e minerais na súa
composición.