O escritor Diego Giráldez e a ilustradora MeliMolita presentaron este venres en Vigo, no espazo Arrolos de Mai de Navia, o que xa está considerado un dos álbums ilustrados infantís do ano, “Xulia e as cóxegas das nubes”.
Trátase dunha historia que acontece en pleno Nadal dentro da sala de neonatos dun hospital único no mundo, o Santamarina.
Aí, a máquina TurboBarloventa consegue que os que deciden nacer antes do previsto aprendan a respirar, pero algo acontece que fai que todo cambie de súpeto. “Xulia e as cóxegas da nubes” é unha historia tenra e divertida que leva dende setembro cautivando a nenos e nenas de toda Galicia.
Este libro, publicado por Aira Editorial, é unha historia na que se mestura realidade e fantasía.
Segundo comenta o autor, “o conto nace xusto o día despois de que Xulia abandonase o hospital logo de case un ano de loita por sobrevivir”.
“Nesa sala de neonatos do Cunqueiro no que Xulia comezou a coleccionar incidencias, respíranse unhas ganas envexables por saír adiante que me apetecía trasladar aos que coñecen o que pasa alí dentro, que é maxia. Pensei que este conto sería o mellor xeito de homenaxear a todos aqueles que nacen cando lles peta”, di Giráldez.
“A moitos dos recén nacidos con problemas respiratorios, suxéitanlle as gafas do osíxeno cuns autocolantes en forma de nube que lle pegan nas meixelas. Aí comeza todo”.
O álbum foi ilustrado por MeliMolita, artista plástica que desenvolve o seu traballo arredor da ilustración e a animación audiovisual.
Para a ilustradora, “o motor para elaborar as ilustracións foi o carácter tenro e humano desta historia.
O personaxe de Xulia enseguida comezou a coller forza no caderno de bosquexos, con ese carácter forte e a súa alegría de vivir. A liberdade dos mundos imaxinados dunha nena que xoga na chuvia foi unha experiencia do máis gratificante de debuxar e de crear”.