A maquinaria para a celebración da terceira edición do festival científico CinVigo xa está en marcha.
Baixo o lema Ciencia na rúa o CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, volverá a converter o centro de Vigo nun auténtico laboratorio aberto a todas as mentes curiosas, no que o alumnado de ensino medio seguirá sendo o gran protagonista.
Coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología, FECYT- Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, durante a fin de semana do 26 e 27 de abril de 2025, o centro da cidade olívica acollerá este evento de divulgación científica no que o público asistente poderá visitar os proxectos protagonistas da feira científica e coñecer en primeira persoa ao persoal investigador dun centro especializado en biomedicina e nanomateriais como o CINBIO, ademais de asistir a espectáculos e participar activamente noutras actividades como a xa clásica xincana científica ou os obradoiros de ciencia para público infantil.
“O compromiso e a ilusión do alumnado participante nas anteriores edicións son o motor de CinVigo”, sinala Miguel Correa, director do CINBIO e integrante do comité organizador deste proxecto, quen engade que coa celebración desta terceira edición búscase “consolidar este festival como un evento de divulgación científica de referencia, cada vez máis inclusivo e aberto a máis públicos”.
Estudantes de ESO, Bacharelato e FP, os grandes protagonistas
A feira científica de CinVigo, protagonizada por alumnado de Secundaria, Bacharelato e ciclos de Formación Profesional, volverá ser o foco de atención de todas as miradas. A participación estará aberta a grupos dun máximo de catro estudantes que, tras convertese en auténticas científicas e científicos, terán a oportunidade de amosar os seus proxectos a pé de rúa, ofrecendo as súas explicacións ao público que visite a feira ao longo da última fin de semana do mes de abril.
Os proxectos participantes na feira serán seleccionados previamente por un comité científico formado por persoal do CINBIO, a través dun concurso aberto a centros educativos ou de ensinanza non regrada de toda España. Será posible participar a través de tres niveis ou categorías: a Teen Researchers englobará alumnado de Bacharelato e Ciclos Formativos, mentres que o estudantado do primeiro e do segundo ciclo de Secundaria concursará nas categorías Early Researchers e Young Researchers, respectivamente.
O prazo para inscribirse no concurso previo estará aberto ata o luns 10 de febreiro, incluído. Os centros educativos ou de ensinanza non regrada interesados en participar poden consultar as bases do concurso así como o formulario de inscrición na páxina web do evento.
O alumnado seleccionado nesta fase previa, organizado en grupos de ata catro persoas e co apoio docente dos seus centros, deseñará os seus propios proxectos científicos, que finalmente mostrará e defenderá ante o gran público.
Finalmente, os elixidos como os mellores proxectos de cada categoría poderán conseguir atractivos premios que próximamente serán anunciados pola organización a través da súa páxina web.
A canteira da ciencia galega
CinVigo. Ciencia na rúa suma xa dúas edicións, celebradas en abril de 2023 e 2024, acadando entre ambas unha participación de máis de 530 estudantes de centros educativos de toda Galicia, que presentaron máis de 110 proxectos científicos, demostrando que hai canteira para a ciencia galega.
O éxito das dúas primeiras edicións, sumado ao apoio da FECYT e ao financiamento da Xunta de Galicia e da Unión Europea, permitirán “ampliar os fronteiras de CinVigo e facilitar a implicación de novos centros educativos, incluso doutras comunidades autónomas”, comenta Correa tras subliñar que “o fomento das vocacións científicas do alumnado de ensino medio é o principal obxectivo deste proxecto”.